Escoitar

A principios de ano remodelarase o tráfico na Avenida de Fragoso

mércores, 19 dec 2001
O Departamento Municipal de Circulación e Transportes realizará a primeiros de ano diversas modificacións na avenida de Fragoso. A principal será a implantación do carril bus en sentido descendente (cara a Balaídos). O carril bus será compartido polo tráfico privado unicamente no treito comprendido entre a rúa Espedrigada e Balaídos.

Así pois, manterase o sentido único de circulación entre a rúa Espedrigada e a praza de América. Dende a Espedrigada a Balaídos haberá un carril descendente, compartido por bus e vehículos privados, e dous ascendentes.

No momento en que se poñan en marcha estas modificacións poderán circular pola Avenida de Fragoso cara a Balaídos tres liñas de autobuses, o que mellorará notablemente o servicio na zona.

Estes cambios foron consensuados con representantes veciñais e comerciantes da rúa, atendendo así o mandato do Pleno da Corporación municipal. Poranse en práctica de forma experimental durante algúns meses para comprobar o seu funcionamento.