Escoitar

A Concellería de Muller crea outro Punto Informa para achegarlle á cidadanía recursos contra os malos tratos

mércores, 19 dec 2001
A concelleira de Muller, Ana Gandón, asinou un convenio coa Asociación de Mulleres Dorna para poñer en funcionamento un Punto Informa en Coia que contribuirá a ofertar información e apoio sobre os recursos municipais destinados a combater a violencia contra as mulleres. Froito deste convenio realizarase tamén un labor de detección e denuncia dos malos tratos e daráselle continuidade ó Obradoiro de Formación Teatral Dorna.

No Plano municipal contra a violencia sobre as mulleres establecíase a necesidade de dispor doutro Punto Informa, ademais do existente no local da Federación Eduardo Chao, na praza da Princesa. Este novo centro, que entrará en funcionamento despois do Nadal, estará situado na rúa Salceda de Caselas, en Coia, debido ó gran número de habitantes deste barrio e á necesidade dun local para a Asociación de Mulleres Dorna.

Dorna empezou o seu traballo na loita pola igualdade da muller hai 25 anos, a partir dun estudio sociolóxico que detectou as necesidades existentes no barrio de Coia. Recentemente, outro estudio comparativo serviu de análise social, política e persoal e destacou a situación favorecedora no radio de influencia deste colectivo fronte ás zonas nas que non se realizaron obradoiros de formación, autoestima, psicoloxía e manualidades.