Escoitar

Urbanismo propón varios acordos de obras á Xunta de Goberno

Entre outras medidas, o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo acordou proporlle á Xunta de Goberno Local a aprobación da recepción das obras para urbanizar a prolongación da rúa Enrique Lorenzo, en Teis.

xoves, 5 mai 2005
Esta actuación, vencellada á licenza de obras outorgada o 21 de agosto 1998, ten a condición de que antes do outorgamento da licenza da primeira ocupación se acredite a constitución da garantía ou aval de 9.147 euros esixido polo propio Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo o 8 de marzo de 2001.

Outro acordo proposto á Xunta de Goberno Local na mesma reunión foi o de aprobar inicialmente o Proxecto de Urbanización da segunda fase da Unidade de Actuación II Roteas, en Coruxo.

Segundo este acordo, antes da aprobación definitiva do Proxecto de Urbanización deberán efectuarse as correccións requeridas polo enxeñeiro industrial municipal de servizos electromecánicos no seu informe do 7 de febreiro de 2005 e pola concesionaria "Aqualia" no seu informe do 14 de marzo de 2005. Tamén deberá incorporarse un anexo sobre o cumprimento da normativa contra a contaminación acústica durante a execución das obras, coas medidas correctoras pertinentes.

Canto aos asuntos nos que o Consello ten competencia resolutiva, recibiron a aprobación provisional as axudas para a rehabilitación dunha vivenda sita no 35 da rúa de Santiago e doutra na rúa Real, 42-2º E. A axuda para a rehabilitación dunha vivenda sita na rúa Peñasco, 7-A, foi aprobada definitivamente.