Escoitar

"Conta con elas" sucede ao proxecto Compás na busca da igualdade laboral

O proxecto enmarcado na iniciativa europea Equal conta cun investimento de 2.713.500 euros do que o 75% será financiado polo Fondo Social Europeo. O obxectivo do proxecto é o de promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e eliminar a segregación laboral no ámbito da Mancomunidade de Vigo.

xoves, 5 mai 2005
1115299048elas.jpg
A concelleira Lucía Molares, xunto con representantes das restantes entidades promotoras, presentaron o proxecto de igualdade de oportunidades para o emprego Conta con Elas, aprobado pola Unidade Administradora do Fondo Social Europeo. Este proxecto sucede no tempo ao rematado Compás e dedicarase, do mesmo xeito que o anterior, a promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e apoiar a eliminación de elementos de segregación no traballo no ámbito territorial da Mancomunidade de Vigo.

O obxectivo de Conta con Elas, enmarcado na iniciativa comunitaria Equal, é a diminución da segregación laboral mediante unha intensa tarefa de sensibilización desenvolvida en tres niveis: socioeducativo, institucional e empresarial-laboral. Así o proxecto tratará de facilitar a inserción laboral das mulleres desempleadas atendendo a sectores tradicionalmente masculinizados e reservando unha especial atención a mulleres emprendedoras en actividades empresariais. Ademais o proxecto conta con dúas liñas transversais que afectan a todo o conxunto e que son a tecnoloxía e o medio ambiente.

A agrupación de Desenvolvemento Área Metropolitana de Vigo, promotora deste proxecto, está formada pola Mancomunidade de Vigo, os sindicatos CC.OO., UGT e CIG, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Fundación Caixanova, a Deputación Provincial e a Universidade de Vigo. Dadas as características da Agrupación o proxecto prevé unha estructura descentralizada a través de 3 centros sectoriais e 3 territoriais. Todas as actuacións estarán apoiadas pola presencia itinerante do Bus da Igualdade.

Ademais das liñas de actuación previstas en Conta con Elas o proxecto introduce unha dimensión transnacional denominada Construire, na que se cooperará con entidades de Francia, Italia e Portugal nun conxunto de actuacións centradas no ámbito da igualdade e na adaptabilidade do emprego feminino ao sector da construcción.

As actividades de Conta con Elas desenvolveranse durante este ano e os vindeiros 2006 e 2007. O orzamento total do proxecto será de 2.713.500 euros dos que o 75% será aportado polo Fondo Social Europeo e o resto polas entidades participantes.
Descargar todas as imaxes