Escoitar

Cultura organiza un programa didáctico de achegamento á colección de Policarpo Sanz

martes, 11 dec 2001
imx879.jpg
Carl Froschl. Escola vienesa
A Concellería de Cultura organiza un programa didáctico de achegamento á colección de pintura e obxectos do Legado de Policarpo Sanz dirixido a adultos con nenos. Monitores especializados realizan visitas guiadas e imparten un obradoiro de artes plásticas de carácter gratuíto os sábados a partir das 11:00 horas na Casa das Artes.

Os obxectivos deste programa son motivar os alumnos de Primaria na área de Historia da Arte, empregar a plástica como ferramenta interdisciplinar nas distintas áreas de coñecemento e involucrar as familias na realización de actividades culturais conxuntas. Preténdese tamén aproveitar a receptividade dos nenos, carentes de prexuízos fronte á arte, para implicar os pais e utilizar as actividades culturais como método de formación para explicar a historia da cidade.

As actividades teñen unha duración de dúas horas e media e conteñen unha visita comentada, na que se impartirán nocións básicas sobre a historia da colección e a figura de Policarpo Sanz, así como as diferentes manifestacións artísticas que se poden atopar nela cunha linguaxe adaptada ós nenos. A segunda parte consta dun obradoiro dirixido a facilitar a comprensión, mediante exercicios prácticos de conceptos como forma, cor, materia e escolas artísticas dos contidos desta colección.

Este programa está especialmente recomendado a nenos de entre 8 e 11 anos. A participación efectuarase por rigorosa orde de chegada e ten un aforo limitado.


Máis información no museo municipal ”Quiñones de León” (986 29 50 70 ou 646 69 95 91)

COLECCIÓN DE PINTURA


Descargar todas as imaxes