Escoitar

O Concello comezará de inmediato os trámites administrativos para a remodelación de Balaídos

martes, 11 dec 2001
imx878.jpg
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, anunciou a disposición do Concello a principiar de inmediato os trámites administrativos necesarios para a execución do proxecto de remodelación de Balaídos. Castrillo dixo que os técnicos municipais se porán a traballar nas necesarias modificacións urbanísticas en canto reciban a documentación precisa por parte do Real Club Celta.

O presidente do Celta, Horacio Gómez, e o director Xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, explicáronlle ao alcalde que Caixanova está disposta a financiar a construcción do novo campo de fútbol aportando unha cantidade aproximada de 8.000 millóns de pesetas. Castrillo sinalou que, se o Celta resolve o problema do financiamento da operación o Concello comezará a realizar os trámites administrativos necesarios para executala.

O Concello comprometeuse a adaptar o planeamento urbanístico vixente para autorizar nos terreos de propiedade municipal os usos deportivos, hoteleiros e comerciais coa finalidade de construír un complexo deportivo, comercial e de ocio. Para iso será necesaria unha modificación puntual do Plan Xeral vixente. Unha vez aprobada a modificación, o Concello terá que licitar unha concesión administrativa sobre os terreos de referencia. O acordo co Real Club Celta establece que se garantirá a natureza pública dos terreos e que se construirán unhas novas pistas de atletismo noutro punto do municipio.
Descargar todas as imaxes