Escoitar

Inaugúrase o local social da asociación veciñal de San Roque

luns, 10 dec 2001
imx871.jpg
Casal Pacheco, Castrillo e Cabaleiro
O alcalde, Lois Castrillo, e a concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, inauguraron o local social da asociación de San Roque. Castrillo amosou a súa satisfacción por cumprir o compromiso municipal de dotar dun local permanente a este colectivo que vai dar cobertura ás necesidades culturais, sociais e de lecer da poboación desta zona.

O alcalde destacou o crecemento e modernización deste barrio e maila precisa colaboración entre o Concello e as asociacións veciñais para lograr o progreso da cidade. Vigo dispón de 48 centros municipais destinados a colectivos sociais, culturais, veciñais e xuvenís.

Mariló Cabaleiro anunciou a instalación dun centro de atención municipal nas dependencias deste local que lles permitirá ós veciños realizar xestións municipais no seu barrio e dispor de servicios de información, certificados, rexistro e compulsa de documentos.

O Concello cedeulle á asociación veciñal o uso deste local, de 300 m2 de superficie, derivado da materialización dunha parte do aproveitamento urbanístico correspondente ó Concello na U.A. IV-06 Filipinas-Couto de San Honorato.

Ademais dunha sala multiusos de máis de 70 m2 e dun centro de atención municipal, habilitouse unha aula de informática, un taller de pintura, biblioteca e sala de reunións, aula de multiusos, administración e secretaría e un almacén, entre outros espacios.

Descargar todas as imaxes