Escoitar

O Concello abrirá unha nova escola infantil a principios de ano

luns, 10 dec 2001
O Concello ten previsto poñer en marcha unha nova escola infantil a principios do vindeiro ano. Para iso, a Comisión de Goberno aprobou as condicións do concurso para contratar a xestión deste centro, que estará ubicado na rúa Sta. Marta, no Barrio Histórico.

A nova escola infantil acollerá meniños de 0 a 3 anos. Terá un horario de 8:00 a 21:00 horas, pero contará tamén cun servicio especial de atención as 24 horas para cubrir casos extraordinarios ou urxencias.

Con esta serán tres as escolas infantís de titularidade municipal. As outras dúas funcionan nos barrios de Lavadores e Teis.



48 establecementos hostaleiros de Vigo benefícianse do programa de axudas do Concello

O Concello seleccionou 48 establecementos hostaleiros de Vigo para recibir as axudas previstas no Programa Municipal de Excelencia Hosteleira. Este plan prevé a concesión de subvencións a aquelas empresas hosteleiras que realicen investimentos destinados a mellorar a súa imaxe pública e a atención aos clientes.

O Concello vai repartir 20 millóns e medio de pesetas entre establecementos que pretenden renovar o seu mobiliario ou realizar obras de acondicionamento nos locais que ocupan. Desta maneira preténdese contribuír a que Vigo ofreza unha mellor imaxe tamén entre as persoas que visitan a cidade.


Adxudicada a obra de renovación do saneamento de Pi y Margall

A empresa Movexvial será a encargada de realizar os traballos de renovación da rede de saneamento da rúa Pi y Margall, no treito comprendido entre a Falperra e a rúa Chile. A execución desta obra faise necesaria pola antigüidade da conducción que está agora en servicio. O seu mal estado facilita que se produzan numerosas filtracións que causan socavóns na rúa.

A realización desta obra vaille supoñer ao Concello un investimento de 36.851.500 pesetas. Está previsto colocar medio quilómetro de novas conduccións de augas residuais e pluviais. Tamén se construirán 132 acometidas, 33 pozos de rexistro e novos sumidoiros de bordillo.


Setencias do Tribunal Supremo

A Comisión de Goberno tivo coñecemento de dúas setencias do Tribunal Supremo nas que declara a inadmisión do recurso de casación interposto pola Autoridade Portuaria en concepto do Imposto sobre Bens Inmobles dos anos 93 e 95. A Autoridade Portuaria deberá cancelar a débeda co Concello do devandito imposto.