Escoitar

Finaliza o ciclo ”As músicas faladas” con grupos galegos, búlgaros e bretóns

martes, 11 dec 2001
imx875.jpg
A Concellería de Normalización Lingüística organiza, con motivo do Ano Europeo das Linguas, o ciclo de concertos ”As músicas faladas” que concluirá o xoves, 13 de decembro ás 20:30 no Centro Cultural Caixanova, coa actuación de Cía Marful, Jackye Molard, Dominig Molard, Jacques Pellen, Jean-Michel Veillon, Erik Marchand e Kalinka Vulcheva.

As localidades están á venda na taquilla telefónica de Caixanova (986-110500) con prezos de 1.000 e 700 pesetas.


Cía. Marful

A Cía. Marful é un proxecto en comunicación con distintas expresións artísticas como a literatura, a pintura, a expresión corporal... que representan unha mesma xeración de artistas.

O obxectivo de Marful é percorrer o mundo no difícil camiño da emoción e conseguir o equilibrío no fío da ambigüidade todo baixo o amparo da música. Marful arrinca coa voz chea de sensualidade de Uxía Pedreira, (anteriormente cantante do grupo Chouteira e hoxe directora do Conservatorio de Música Tradicional e Folk de Lalín), Pedro Pascual (músico do grupo Laio e profesor de acordeón diatónico no mesmo conservatorio), Pablo Alonso (tamén membro do grupo Laio e profesor de clarinete na escola de jazz Studio de Santiago de Compostela) e Michel González (profesor de guitarra na mesma escola e músico de distintas bandas de jazz en Galiza), ademais dun equipo técnico e especiais colaboracións. Na música de Marful danse cita tanto elementos de raíz como contemporáneos, acústicos e eléctricos, de tradición musical europea e americana... nunha estrana comuñón que nos fala nas propias linguaxes do século XXI.

Marful reelabora música ambientada no periodo de entreguerras xunto con novas composicións de Uxía Pedreira, recreación de pezas interpretadas por orquestras galegas de época, novas letras de escritores contemporáneos como Anxo Quintela, Jacques Prevert, Antonio Barros, Olga Nogueira, Manolo Pipas, José Dopico, R. Carvalho Calero e a propia Uxía, forman o universo dialéctico de Marful.


Jackye Molard

Jacky Molard é un dos directos responsables do rexurdir da música bretona nos últimos 25 anos. Instrumentista polifacético (violín, guitarra, baixo etc.), compositor é productor artístico, nestes momentos é considerado coma un dos clásicos incontestables da música de raíz en Europa.

Fascina o seu impulso creativo, cunha visión persoal e carismática, resaltando a súa capacidade para adaptar o espírito da tradición a novos espacios musicais pensados na orixe para experiencias musicais de vangarda. Jacky Molard conseguiu atraer cara os seus proxectos algúns dos mellores músicos bretons. Baixo o impulso de Jacky creáronse grupos como DEN, Archetype, Triptique, Bal Tribal. Participou de maneira activa noutras formacións xa lendarias para os amantes do folk: Gwerz e Pennou Skoulm. Tamén forma parte de ”Procession Celtique”, Alain Genty Bandou o grupo de Erik Marchand.

Ademais, na súa faceta de productor, Jacky Molard ten levado a cabo proxectos de recoñecida calidade. Jacky Molard ten máis de 40 CD´s no mercado tanto como colaborador ou como membro dos grupos.

Dominig Molard

O impresionante percorrido musical de Dominig Molard converteuno, xunto aos seus irmáns Jacky e Patrick nun dos piares básicos das músicas tradicionais da Bretaña. Sempre presente ao carón de grandes grupos e músicos, desenvolveu un magnífico traballo nas percusións co talento e a elegancia que se lle recoñece.

Dominig Molard interpreta diversos instrumentos, dende a caixa escocesa ata as táboas indias, derbouka, bodhram, bones, baterías, tubular bells, etc. Director de percusión nas ”bagadou” (bandas de gaitas) de Saint-Malo, Douarnenez, Bleimor e Kevren Brest Sant-Mark, tamén é profesor na Escola de Música Tradicional de Douarnenez.

A súa carreira resulta espectacular: acompañou e gravou discos con grupos como Gwendal, Bleizi Ruz, Alan Stivell, Jacques Higelin, Pat O´May Group, Diaouled Ar Menez, Annkrist, Ogham, Satanazed, Kemia, Jade, Andarta, Zap, Kern, Les Pires, ou tamén Alain Genty, Yvan Cassar, Melaine Favennec, Mannu Lann-Huel, Annkrist, Didier 5quiban, Ronan Le Bars, Solg Siberil, Georges Join, etc.


Jacques Pellen

Nado en Brest en 1957, comeza a estudiar guitarra clásica aos 12 anos de idade. As súas influencias musicais van de Bill Evans ata 01ivier Messiaen pasando por Keith Jarret e Arnold Schoenberg.

Músico apaixonado, Jacques Pellen, á vez fabuloso e reputado improvisador e creador de atmosferas musicais, resolve as ecuacións que aparecen no percorrido das súas numerosas formacións.

Sensibilidade híbrida, aquela dun músico inspirado pola súa terra e a inquedante estética jazzística de marcada influencia bretona que o leva a estar na orixe de numerosos colectivos e experiencias (Triptyque, Celtic Procession, Gwerz, Finis terrae...) Músicos do Jazz como Kenny Wheeler, Didier Lockwood: Peter Gritz, Ricardo del Fra, Gildas Boclé, Henri Texier, Eric Barret ou Paolo Fresu participan xunto con músicos tradicionais bretóns como Patrick Molard, Jacky Molard, Dan Ar Bras, Erik Marchand, Ronan Le Bars, Jean Michel Veillon, Kristen Nogués, Annie Ebrel, Dominique Molard ou os irmáns Guichen, nas diversas manifestacións musicais nas que tenta mesturar o Jazz con temas e instrumentacións de inspiración céltica.

”Un dos máis formidables guitarristas do jazz europeo de todos os tempos” (revista Jazzman).

Jean-Michel Veillon

Jean-Michel Veillon está considerado coma un dos mellores frautistas do mundo. O seu extraordinario coñecemento sobre as músicas tradicinais de todos os horizontes permitiulle dar a volta ao mundo ao carón dos seus mestres ós que actualmente se pode equiparar e incluso superar. Aos 13 anos convertérase en ”sonneur” de bombarda.

En 1977 descobre a frauta traveseira de madeira sendo un dos primeiros en introducir este instrumento na Bretaña. Autodidacta, cun estilo particular, que o achega ás entonacións do canto tradicional, o seu repertorio está influenciado pola música bretona, irlandesa e oriental (Turquía, Irán, India...)

Participa en numerosas formacións de renome internacional (Galorn, Kornog, Den, Peflnou Skoulm.. Barzaz, An Tour-Tan, Celtic Procession, Dúo Veillon-Riou, etc) e colabora con algúns dos grandes músicos e grupos da prestixiosa canteira bretona (Dan Ar Bras, Skolvan, Solg Siberil, Yann-fañch Kemener, Alain Genty, Didier Squiban, Kristen Nogués, Gerard Delahaye...)

O ensino da frauta forma tamén parte do seu desenvolvemento persoal. Participa en numerosos cursiños de música tradicional dende hai quince anos evidenciando que o seu traballo co instrumento fixo escola entre as novas xeracións de músicos tradicionais. Ten editados como solista tres CD e máis de vinte cos diferentes grupos nos que participou.

Erik Marchand

Erik Marchand é unha das máis grandes voces da Bretaña ademais de clarinetista de arraigado estilo tradicional.

Investigador incansable da música e as tradicións máis profundas do seu país, foi quen de extraer esa médula substancial que as conforma para aprender a consumila tanto crúa como aderezada segundo as regras da gastronomía musical delicada e reflexionada. Como solista, en dúo, en grupos como Gwerz, Celtic Procession ou Le Quintet des Clarinettes, en trío con Thierry Robin ou con Paolo Fresu e Jacques Pellen, Erik explora os límites da súa tradición proxectando o seu carácter universalista na empresa.

Marcado palas xuntanzas con representantes doutras culturas de raíz popular, o seu percorrido está cheo de proxectos que positivamente abriron novos campos de expresión a música bretona de hoxe: de aí os derradeiros traballos coa Taraf de Caransebes (Romanía) ou KAN magnífico espectáculo con voces de Albania, Malí, Córcega e Galiza. Ten unha quincena de gravacións discográficas e numerosas colaboracións.

Kalinka Vulcheva

Sen dúbida, Kalinka Vulcheva é unha das grandes voces actuais da música tradicional. Recoñecida en todo o mundo, durante vinte anos foi primeira solista do Coro de Música Popular da Radio-televisión de Bulgaria máis coñecida internacionalmente como ”Misterio das Voces Búlgaras” ofrecendo numerosos concertos en todo o planeta. Tamén exerceu como directora da Orquestra Nacional de Sofía.

Cun estilo puro, emanado da tradición secular búlgara, Kalinka tivo como mestra natural a súa avoa, con quen medrou na súa rexión de orixe, Dobroudja, no norleste de Bulgaria. Na actualidade é compoñente de diversas formacións musicais como Bisseri e Loznitsa ou a máis recente Vulcheva- Jenkins Incident. Tamén dá concertos como solista. Colabora coa formación do gaiteiro bretón Patrick Molard dende hai dous anos.

Gran coñecedora do folclore e estilos de todas as comarcas do seu país, ten dado clases maxistrais sobre harmonía e música popular en toda Europa.

Descargar todas as imaxes