Escoitar

A Xunta de Goberno aprobou un gasto de 100.000 euros destinado á subvención de actividades socioculturais

A Xunta de Goberno Local redactou as bases da convocatoria para a dotación das subvencións destinadas a actividades socioculturais. Ademais, decidiu dar luz verde á xestión da subvención da parte correspondente aos gastos correntes do Museo Marco que lle corresponde cubrir como membro fundador e que ascende a 751.265 euros.

luns, 7 mar 2005
1110206296chema.jpg
A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao inicio do expediente para xestionar a subvención á Fundación Marco destinada a cubrir os gastos derivados do seu funcionamento. Como entidades fundadoras, o Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Caixanova e a Xunta de Galicia acordaron financiar ao menos un 75% dos gastos correntes do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. A achega que o Museo solicitou ao Concello é dun importe de 751.265 euros.

Na área de deportes, a Xunta acordou a entrega e incorporación ao patrimonio municipal do campo de fútbol de herba artificial da Madroa, do que asumirá
o seu mantemento e conservación, ao abeiro do que dispoña o convenio en vigor co R.C. Celta de Vigo, sociedade usuaria desta instalación.

A Xunta deixou establecidas as bases de convocatoria para as subvencións de actividades socioculturais a realizar en 2005. O gasto destinado a atender este tipo de solicitudes é de 100.000 euros.

Plataforma Loxística de Salvaterra

O concelleiro José Manuel Figueroa referiuse, dentro dos asuntos fóra da orde do día, á preocupación do Concello pola paralización do proxecto de Plataforma Loxística de Salvaterra. Figueroa asegurou que este proxecto é "de importancia vital para esta cidade e para o desenvolvemento do seu porto".

Segundo o concelleiro, o Concello ten realizado xestións coa Zona Franca, o Porto e a Xunta para "esixir que aceleren os trámites e desbloqueen dunha vez por todas este proxecto". Figueroa recordou que o Concello non ten responsabilidade executiva na Plataforma, pero que vai seguir presionando para a súa posta en marcha.

José Manuel Figueroa tamén se referiu ao Plan Especial de Teis, afirmando que o Concello "aceptará as demandas dos veciños se son razoables". Figueroa insistiu en que a fase de exposición deste Plan se está a levar con total transparencia, e púxolles como exemplo aos veciños de Teis o sucedido co Plan Especial da Guía, que recibiu 12.000 alegacións pero viu como se chegaba a un acordo entre o Concello e os veciños.

Por último, o voceiro do Goberno municipal informou da próxima adxudicación das obras de saneamento de Zamáns por 2.600 euros, para o seu inicio no próximo mes de abril. Tamén se están abrir na Mesa de Contratación as ofertas para a realización do telecontrol da depuradora do Lagares, obra que custará 1.400 euros.
Descargar todas as imaxes