Escoitar

A mostra de fotografías dixitalizadas do Arquivo Pacheco rexistra case 600 visitantes dende a súa inauguración hai dez días

A mostra interactiva composta por máis 3.000 fotografías dixitalizadas do Arquivo Pacheco, situado na Casa das Artes, recibiu dende a súa inauguración, o pasado 11 de febreiro, 592 visitantes.<br />

mércores, 23 feb 2005
1109152294galeria.jpg
O proxecto, denominado A galería, consiste nunha actividade interactiva na que se poñen a disposición do público os fondos do Arquivo Pacheco centrados no retrato en diferentes apartados, como imaxes individuais nun primeiro plano ou de corpo enteiro, familias, grupos ou nenos.

A exposición consta de máis de 3.000 imaxes que datan dende 1890 ata a década dos anos trinta do século XX, que poden verse nos ordenadores existentes nas instalacións do arquivo.

Nestes días, cerca dun centenar de imaxes foron xa identificados polos visitantes na pantallas a disposición do público e posto que boa parte das obras do legado de Pacheco aínda non teñen sido documentadas, os responsables da mostra solicitan a colaboración do público para explicar o contido das fotografías.

Para participar no proceso de identificación das imaxes, os interesados poden facelo previa cita no teléfono 986 435 121.

Ademáis, seis persoas achegaron fotografías realizadas por algún membro da familia Pacheco que tiñan nas súas casas, de forma que aportaron un total de 35 imaxes.

A exposición pode visitarse, na Casa das Artes, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 horas polas mañás e de 18.30 a 20.30 horas en horario de tarde, e os sábados de 10.30 a 13.30 horas.

Debido á demanda de público que está acadando esta actividade, a organización da mostra está a baralla-la posibilidade de abrir o sábado á tarde.

Arquivo Pacheco

A adquisición das imaxes do Arquivo Pacheco por parte do Concello de Vigo aos herdeiros do fotógrafo Jaime de Sousa Pacheco Guedes tivo lugar en maio do ano 1991. A autoría das fotografías, que se poden entender como unha completa crónica da cidade de boa parte do século XX, corresponde a varias xeracións de fotógrafos da mesma familia Pacheco, concretamente ao fotógrafo portugués afincado en Vigo, Jaime de Sousa Guedes Pacheco e a dous dos seus fillos, durante o período comprendido entre 1879 e 1970.

Deste xeito, os fondos da colección representan a máis completa colección de recursos fotográficos sobre a cidade de Vigo de titularidade pública.

Constan de placas de cristal, negativos, positivos e outros materiais en diverso formato ata completar un total de 140.000 imaxes, nos que a variedade temática é unha das notas predominantes, xa que son tratados non só aspectos da vida cotiá, social e institucional da cidade, senón tamén da política, o deporte, a evolución da cidade, os espectáculos, o comercio e a industria, entre outros.
Descargar todas as imaxes