Escoitar

A Aula Municipal de Etnografía dedica a súa actividade á tradición dos cereais e do pan

A Aula Municipal de Etnografía, situada na parroquia de Saiáns e xestionada pola Concellería de Patrimonio Histórico, dedica o presente curso 2004-2005 á historia dos cereais e a cultura tradicional do pan en Galicia, cunha serie de actividades didácticas que inclúe visitas ao conxunto dos muíños de Gontade.

martes, 22 feb 2005
1109080000aula1.jpg
Comprobar como un produto tan básico como o pan afunde as súas raíces moi atrás no tempo é a intención da liña monográfica "Historia dos cereais e a cultura tradicional do pan en Galicia", á que dedica o curso 2004-2005 a Aula Municipal de Etnografía (AMET), situada na parroquia de Saiáns. Aqueles que participen nesta iniciativa poderán achegarse desde unha perspectiva teórica e práctica ás actividades, técnicas e costumes asociados a estes produtos.

As visitas á AMET para participar nesta actividade inclúen, en primeiro lugar, unha "viaxe de investigación" nas propias instalacións da Aula. Esta viaxe consiste nunha simulación arqueolóxica das técnicas relacionadas co pan ao longo da prehistoria, a Idade dos Metais e a época romana, explicadas por un monitor. Os visitantes usarán diferentes tipos de muíños primitivos, amasarán e cocerán tortas de pan e acuñarán moedas para poñer en prática as explicacións do monitor.

A seguinte fase da actividade realízase tamén dentro do inmoble da AMET e trata da realidade dos cereais e o pan pero desde unha perspectiva etnográfica. Esta fase está dividida en catro apartados: as faenas agrícolas, a conservación dos cereais, a muiñada e a panificación. Como na parte arqueolóxica, aquí tamén os contidos teóricos se acompañarán de actividades práticas, como as de mallar, pesar, medir, peneirar e amasar.

Por último, a terceira fase da visita desenvolverase no conxunto etnográfico dos muíños de Gontade, que está a dez minutos da Aula en coche. Alí examinarase polo miúdo a complexa realidade etnográfica que representa o muíño na cultura tradicional e na sociedade actual. Os visitantes poderán ser muiñeiros e aprender a mecánica destes enxeños artesanais.

A Aula Municipal de Etnografía funciona de luns a venres de 10:00 a 13:30 e está localizada na rúa Baixada á Igrexa s/n, na parroquia de Saiáns. As visitas deben solicitarse con antelación chamando ao teléfono 986 460 812. Poden acudir alumnos de todos os niveis de ensino desde 2º ciclo de primaria ata ciclos universitarios, así como grupos profesionais, cursos de formación non regrada e colectivos culturais ou técnicos. Os grupos non poderán ser de máis de 30 persoas.
1109080000aula1.jpg
1109080085aula2.jpg
1109080183amet.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información