Escoitar

A exposición Vigo Náutica Internacional mostrará as novidades do sector no IFEVI

A concelleira de Turismo, Lucía Molares, presentou a segunda edición da exposición Vigo Náutica Internacional, un escaparate para as marcas e productos dun sector cada vez máis importante nunha comunidade vinculada ao mar como é Galicia.

mércores, 23 feb 2005
1109167902nauti.jpg
O recinto feiral IFEVI acollerá do 3 ao 6 de marzo a segunda edición da exposición Vigo Náutica Internacional, que foi presentada hoxe mércores pola concelleira de Turismo, Lucía Molares. Esta exposición quere ser o segundo salón náutico español máis importante, despois do de Barcelona, con serias aspiracións a converterse nun dos mellores eventos socioeconómicos relacionados coa náutica en Europa. Lucía Molares, asegurou que esta é "unha oportunidade para que todos os afecionados poidan ver que somos capaces de organizar eventos náuticos desta importancia".

Vigo nau 2005 está patrocinado pola Corporación Caixa Galicia e copatrocinado pola Fundación Deporte Galego, da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O calendario do evento, que ocupará a totalidade do Recinto Feiral de Cotogrande, elixiuse por ser un periodo moi activo para a industria náutica, tanto na fabricación, exportación e importación como para a propia promoción das diferentes marcas e productos.

Os organizadores deste evento escolleron a cidade de Vigo pola súa vinculación ao mar, que lle dá unhas condicións excepcionais para o desenvolvemento dos deportes náuticos. Así mesmo, Galicia conta cunha boa carteira de usuarios potenciais neste campo, xa que o ano pasado se sobrepasou a cifra de 24.000 licencias deportivas expedidas polas diferentes federacións, sendo a nosa comunidade unha das que rexistraron un maior crecemento en España. Na opinión do conselleiro delegado da Corporación Caixa Galicia, José Luis Méndez, a exposición "dará a coñecer a todos os visitantes o valor da nosa costa".

Vigo nau 2005 contará con máis de 100 expositores, triplicando así o número de participantes da pasada edición. Destes, o 60% son galegos, o 17% proveñen doutras comunidades españolas e o 23% restante virán do resto do mundo. Ademais, a Vigo nau 2005 contará cunha "exposición flotante" de embarcacións de segunda man, que permanecerá aberta ao público en xeral na dársena da Laxe, no Porto de Vigo.
Descargar todas as imaxes