Escoitar

A Xunta de Goberno aproba un convenio para a Copa do Mundo de Hípica por 150.000 euros

A Xunta de Goberno local aprobou, entre outras medidas, un proxecto de convenio por valor de 150.000 euros entre o Concello e Servicios Hípicos Hipigal para o Concurso Internacional de Saltos de Vigo, que se disputará do 10 ao 13 de febreiro.

luns, 7 feb 2005
1107785164rueda74.jpg
A Xunta de Goberno local celebrada hoxe luns decidiu asignar, segundo informou o concelleiro José Manuel Figueroa, 150.000 euros para un proxecto de convenio entre o Concello e Servicios Hípicos Hipigal. Esta cantidade destinarase a cubrir os gastos do Concurso Internacional de Saltos de Vigo, que se disputará na nosa cidade por cuarto ano concecutivo, do 10 ao 13 de febreiro.

Así mesmo, a Xunta de Goberno autorizou o concelleiro-delegado da área de Asuntos Sociais para solicitar unha subvención de 256.000 euros á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para o financiamento do programa de educadores familiares. Polo mesmo acordo, a Xunta de Goberno comprométese a efectuar nesta materia o gasto mínimo de 366.000 euros que figura no orzamento de 2005.

No apartado de Deportes, á parte do relacionado co Concurso Internacional de Saltos, decidiuse solicitarlle á Federación Galega de Deportes para Minusválidos autorización para celebrar o Campionato Galego de Campo a Través 2005, o 16 de febreiro en Castrelos.

Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou a revisión dos prezos do contrato de instalacións, limpeza, mantemento de contedores e papeleiras dentro do termo municipal de Vigo. Tamén no apartado de Patrimonio e Contratación, acordouse modificar a cláusula 6 do prego de cláusulas administrativas para a contratación das obras de saneamento de Vigo aprobado pola Xunta de Goberno do pasado 10 de xaneiro.

No tocante ao departamento de Xuventude, decidiuse solicitarlle á Consellería de Familia, Xuventude, Deportes e Voluntariado unha subvención de 244.000 euros para actividades dirixidas á mocidade, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da mocidade ás novas tecnoloxías durante 2005.
Descargar todas as imaxes