Escoitar

Aprobadas as obras de ampliación do cemiterio de Teis

luns, 2 xul 2001
imx400.jpg
Rolda de prensa. Comisión de Goberno
A Comisión de Goberno aprobou o proxecto e o prego de condicións para a contratación das obras de ampliación do cemiterio municipal de Teis. Hai máis de sete anos que o Concello non realiza obras para ampliar a capacidade dos seus cemiterios e iso xerou unha ampla lista de espera de persoas que desexan dispoñer de nichos nalgún dos camposantos municipais.

Un dos lugares onde é maior a demanda é Teis. Actualmente existen case trescentas peticións. Por iso, o Goberno municipal decidiu acometer a construcción de 128 nichos e de 42 cinceiros cos que se satisfará unha parte importante desa demanda.

A elección do cemiterio de Teis débese non só á existencia desa lista de espera, senón que ademais responde tamén ao interese do Goberno por investir nun camposanto que hai moitos anos que non era obxecto de atención. O proxecto de construcción de nichos en Teis está avaliado en algo máis de 16.499.998 pesetas. O Goberno prepara agora outro proxecto para construír nichos no cemiterio municipal de Zamáns.


Mellora do alumeado público en Saiáns e Teis

A Comisión de Goberno tivo coñecemento das subvencións outorgadas pola Administración do estado e pola Deputación Provincial para dous proxectos municipais de mellora do alumeado público. Concretamente, para o proxecto de mellora da parroquia de Saiáns conseguiuse unha subvención de 4.192.769 pesetas, mentres que a axuda outorgada para o proxecto de mellora do alumeado en Teis foi de 5.205.083 pesetas. Agora sacarase a concurso a adquisición do material para realizar estas obras que van ser executadas por persoal municipal.

Descargar todas as imaxes