Escoitar

Coruxo renderá homenaxe á gamela

A Vocalía do Mar do Centro Cultural de Coruxo (CRAC) e a Asociación de Gameleiros celebrarán o sábado 18 de decembro, en colaboración co Concello, a primeira edición da Festa Gameleira, que ten por obxecto homenaxear a gamela e a cultura mariñeira que a rodea.

martes, 14 dec 2004
1103032235gamela.jpg
Dúas organizacións creadas para a ocasión, a Vocalía do Mar do CRAC e a Asociación de Gameleiros, renderán unha homenaxe á gamela o próximo sábado 18 de decembro, coa colaboración do Concello de Vigo. A Festa Gameleira constará de varias actividades coas que se pretenderá revitalizar esta embarcación tradicional.

Así, o sábado a partir das 11:15, os asistentes encontraranse na praia da Fontaíña. Despois realizarase unha visita a unha carpintería de ribeira. Ás 13:30 os asistentes poderán degustar viño galego no "Breadouro", onde haberá unha homenaxe aos mariñeiros e constructores. Ás 21:30, no "Sete Mares", terá lugar a presentación da Vocalía do Mar do CRAC e da Asociación Gameleiros. Haberá tamén unha representación teatral e unha proxección de actividades das embarcación tradicionais de Coruxo. A Festa finalizará ás 23:00 coa actuación do grupo Ardentía.

A concelleira de Cultura, Lucía Molares, dixo durante a presentación da Festa que o Concello quere "recuperar esta embarcación a vela" como parte dunha serie de iniciativas para que o 2005, coincidindo coa celebración da Volvo Ocean Race, "sexa o ano en que os vigueses e viguesas nos reencontremos definitivamente co mar". Pola súa banda, o presidente do CRAC, Manel Iglesias, lamentou que as gamelas estean "apodrecendo nas praias" porque "só quedan catro mariñeiros vellos". E afirmou: "Nós queremos recuperar isto".
Descargar todas as imaxes