Escoitar

A Concellería de Muller pon en marcha unha campaña para a compra de xoguetes axeitados

O xoguete máis caro non ten por que ser o máis conveniente. Partindo deste premisa, e co lema "¡Elixe ben os xoguetes! Merca menos, escolle mellor", a Concellería de Muller quere aconsellar os vigueses para que este Nadal lles compren aos máis pequenos xoguetes educativos e que favorezan a imaxinación dos nenos e das nenas e a igualdade entre sexos.

luns, 13 dec 2004
1102945036xoguete.jpg
A concelleira de Muller, Lucía Molares, presentou esta mañá a campaña "¡Elixe ben os xoguetes! Merca menos, escolle mellor", coa que se pretende sensibilizar os vigueses na compra de xoguetes axeitados ás necesidades dos máis pequenos. A campaña, enmarcada no Plan de Igualdade do Concello, componse dunha serie de consellos para que os compradores de xoguetes se decidan por productos que rachen cos estereotipos impostos pola industria do sector.

Segundo afirmou Lucía Molares, "é máis útil apelar á imaxinación do neno que comprar un xoguete con máis publicidade", polo que "hai que pensar o que se lle debe pedir a un xoguete antes de mercalo". Así, con esta campaña avógase por productos adaptados á idade do neno e que sirvan como elementos de socialización, estimuladores do xogo en grupo e da fantasía.

Desde a Concellería de Muller tamén se aconsella que o xoguete sexa duradeiro, seguro e estético, así como proporcionado na súa relación calidade-prezo. Todo isto salientando que os xoguetes son unha ferramenta, e que o importante para o neno é o feito de xogar, de gozar cunha actividade lúdica na que pode empregar obxectos diferentes dos comercializados para tal fin.
Descargar todas as imaxes