Escoitar
Realizarase un estudio medioambiental do conxunto das actuacións propostas

O estudio do litoral pretende conxugar a cidade industrial coa de servicios e contempla unha nova praza pública,carrís bici e novos aparcadoiros

A alcaldesa, Corina Porro, o delegado do Estado na Zona Franca, Pablo Egerique e mailo presidente da Autoridade Portuaria, Julio Pedrosa, presentaron hoxe o documento inicial do estudio do litoral encargado ó consorcio, un documento que, segundo a alcaldesa, pretende conxugar a cidade industrial coa cidade de servicios, algo perfectamente compatible dende o punto de vista do Goberno local.

venres, 23 abr 2004
1082722786litoral1.jpg
Egerique,Porro e Pedrosa
Corina Porro destacou que o documento, que foi entregado antes da presentación aos grupos políticos para que realicen as súas contribucións, incorpora os proxectos en marcha ou en negociación (Xunqueira do Lagares, o Paseo de A Guía e de Alcabre), estudia as relacións porto-cidade para gañar espacio no litoral para o uso e desfrute dos cidadáns e garante o crecemento do porto. O estudio establece, ademais, as achegas das administracións implicadas: Concello, Plan Xeral, Porto e Costas.

O estudio inicial estructúrase en tres partes diferenciadas: os antecedentes, nos que se realiza un análise da situación de 10 zonas, outra con consideracións xerais, e unha terceira na que se establece o propio análise do borde litoral, con propostas concretas para 10 ámbitos delimitados, dende Arealonga ata Saiáns.

Entre as propostas, a alcaldesa destacou a realización dun estudio medioambiental do conxunto das actuacións propostas, co obxectivo de aborda-lo proxecto dende criterios sólidos e de sostenibilidade, o análise da situación de limpeza e rexeneración das praias e espacios litorais, dende a consideración de que existen problemas en moitas praias pequenas, tanto de limpeza coma de perda de area. Tamén se propón a creación dun carril-bici no borde litoral e paseos peonís, aproveitando as zonas pendentes que permiten un cómodo uso da bicicleta, e máis aparcadoiros soterrados baixo a glorieta da rúa Coruña e baixo a Alameda de Bouzas. Con carácter xeral, o estudio tamén propón a mellora da sinalización , o axardinamento e o mobiliario urbano, especialmente nas zonas situadas nos extremos do municipio.

Ademais, crearase unha gran praza pública á beira do mar, susto detrás da praza da Estrela. Toda a superficie do peirao de transatlánticos será zona de uso e desfrute cidadán e crearase outra gran praza e zona verde en Cánovas del Castillo, que recorrerá todo o Berbés

A alcaldesa insistiu en que o proxecto é un documento inicial que deberá ser analizado polos grupos e os axentes sociais e que deberá ter en conta os dereitos de terceiros, e destacou que "trátase dun punto de partida que recupera o mar para a cidadanía, que plantea solucións a corto, medio e longo prazo de zonas que se atopan degradadas".

O Goberno fixou un calendario de reunións cos grupos municipais (un encontro por semana durante o mes de maio) para entrega-las aportacións o 1 de xuño. Ó tempo, o Goberno presentará o documento ós axentes sociais para que realicen as súas suxestións, que serán trasladadas ó equipo redactor o 1 de xuño para o seu estudio.
Descargar todas as imaxes