Escoitar

Declaración da alcaldesa no "día mundial do libro"

Quero facer unha mención especial ó Día Mundial do Libro, que celebramos cada 23 de abril dende hai 10 anos, unha xornada que asocia a un cento de países e a millóns de persoas na promoción do libro e do dereito de autor. Unha xornada na que deberíamos aproveitar para reflexionar sobre as súas funcións insubstituíbles para a educación, a cultura e as ciencias do mundo.

venres, 23 abr 2004
O libro é ante todo obra da intelixencia, a creatividade e a cultura humanas, por iso enriquece o patrimonio inmaterial da humanidade. O libro é un instrumento de aprendizaxe, difusión e actualización dos saberes, do sentido estético e da imaxinación.

O libro conseguiu penetrar no conxunto da trama social e sigue sendo o medio máis xeneralizado de transmisión do saber entre os homes. É esencial para o exercicio das profesións e ocupa un lugar cada vez máis importante na vida das persoas e no desenvolvemento das sociedades. Por iso, as accións dirixidas ó seu fomento e promoción resultan indispensables e son un desafío para o progreso da democracia.

Corina Porro Martínez
Alcaldesa de Vigo