Escoitar
O obxectivo deste organismo, no que están representadas once institucións e empresas da cidade, é promove-lo uso racional da utilización da enerxía

Constitúese a Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo

A alcaldesa, Corina Porro, asinou hoxe cos representantes de institucións e empresas o documento de constitución da Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo, un organismo que nace, entre outros, co obxectivo de promove-lo uso racional da utilización da enerxía, protexe-lo medio ambiente e reduci-lo impacto da polución a través da aplicación das novas tecnoloxías, informar e asesorar ós consumidores sobre as novas fontes enerxéticas ou apoiar a realización de auditorías medioambientais e a investigación de eficiencia enerxética.

xoves, 25 mar 2004
1080220816energia.jpg
Docampo,Porro e Iglesias
Un total de 11 institucións e empresas son membros da fundación: Concello de Vigo, Autoridade Portuaria, Deputación de Pontevedra, Universidade de Vigo, Consorcio da Zona Franca, Mancomunidade de Vigo, Instituto Enerxético de Galicia, Caixanova, Isofoton, Gas Galicia e Unión Fenosa. Todos estes membros integran o Padroado da Fundación, do que ademais forma parte o grupo PSA Peugeot-Citroën. A presidencia do Padroado, integrado por 22 representantes destas institucións e empresas, correspóndelle á alcaldesa.

Potenciar e desenvolver proxectos que teñan en conta o aproveitamento de fontes de enerxías renovables, así coma optimiza-los recursos enerxéticos locais, apoia-la elaboración de estudios de viabilidade destinados á implantación de fontes de enerxía alternativas, poñer en funcionamento un centro de documentación con fondos bibliográficos, documentais e audiovisuais ou potenciar a creación dunha "Asociación de Amigos da Enerxía" son outros dos obxectivos deste organismo.

A Fundación, que conta co seu domicilio na Casa do Concello, terá un director-xerente, que será nomeado polo padroado a proposta do presidente, e encargarase de dirixir o goberno e da
administración da fundación.
Descargar todas as imaxes