Escoitar

O Concello prepara un plan de choque contra o vandalismo

O Goberno municipal puxo en marcha un plan para a rexeneración do contorno urbano para facer fronte á situación de abandono e deterioro que sofre a cidade, e que afecta tanto a aspectos coma a falla de limpeza en xardíns e rúas, o deficiente pavimentado ou o deterioro das beirarrúas. Pero o goberno considera ademais que este plan ten que ir acompañado de medidas firmes e drásticas, que garantan o correcto mantemento da cidade.

mércores, 24 mar 2004
Neste sentido, o Goberno redactará un bando sobre actos de natureza vandálica e contra as regras de convivencia cidadá no que se abordará a situación de deterioro que sofre a cidade, tanto nos aspectos relativos á limpeza coma ós actos vandálicos. Así o acordou hoxe a comisión sobre Limpeza e mantemento da cidade, que se reúne tódolos martes dende hai un mes, e que está integrada polos departamentos de Mobilidade e Seguridade, Xuventude, Asuntos Sociais, Limpeza e Parques e Xardíns.

Neste bando, que estará rematado a próxima semana, o Goberno lembrará os cidadáns prohibicións coma a de causar danos nos xardíns e zonas verdes da cidade, tirar lixo ou residuos á vía pública, colocar carteis, realizar inscricións ou graffitis en paredes, muros ou fachadas, depositar excrementos de animais na rúa pública ou emitir roídos que superen os límites permitidos

O Goberno perseguirá, impoñendo ós infractores as multas procedentes, todas aquelas actuacións antisociais que perturben o dereito de tódolos vigueses e viguesas a desfrutar da súa cidade.

O Goberno municipal vai acompañar este bando de medidas concretas de cada un dos departamentos que integran a comisión, isto é, Limpeza, Asuntos Sociais, Xuventude, Mobilidade e Seguridade e Parques e Xardíns, e que se traducen nas seguintes:

-Posta en marcha dun programa con educadores que se desprazarán ata as zonas de ocio nocturno, especialmente aquelas afectadas por problemas coma o botellón.

-Iniciarase unha campaña de sensibilización e información en distintos ámbitos, coma empresas, asociacións de veciños, asociacións xuvenís, centros culturais..., orientada á reducción de danos e ó consumo responsable de alcohol.

-Traballarase nos institutos e nos seus arredores, no respecto, na reducción de danos e nas consecuencias sociofamiliares do consumo de alcohol.

-Controlaranse os locais de venda de bebidas alcohólicas, prohibindo a venda ós menores de idade

Por outra banda, o Goberno puxo en marcha a nova programación de ocio nocturno destinado ós xoves, que se imparte en oito centros sociais e veciñais, e que se suxire coma unha alternativa a outros tipos de ocio. Se celebra por primeira vez no Centro Cívico de Teis.

Incrementouse tamén o control da limpeza en tódalas zonas da cidade, en especial naquelas máis afectadas por problemas coma o botellón. Neste sentido, se creará unha brigada especial que traballará nas zonas especialmente afectadas polo ocio xuvenil. Instalaranse máis contedores en zonas da cidade, especialmente nas máis castigadas polo botellón.

A Policía Local está a realizar un control exhaustivo, constante e sostible no mantemento da seguridade cidadá e no cumprimento da lei, poñendo a disposición xudicial ós infractores de roubos e outras accións. Por primeira vez o Concello puxo xa a disposición xudicial a varios cidadáns sorprendidos neste tipo de accións. Ademais, a través do convenio asinado co Ministerio do Interior, a Policía Local e a Nacional desenvolverán actuacións conxuntas de vixilancia e prevención nas zonas da cidade máis castigadas pola actividade delictiva.