Escoitar

Aproba unha nova fase da iniciativa comunitaria Equal denominada Acción 3

O Ministerio de Traballo, a través da Unidade Administrativa do Fondo Social Europeo, comunicou á presidenta da Mancomunidade, Corina Porro, a aprobación dunha nova fase da iniciativa comunitaria Equal, denominada Acción 3. A nova fase está adicada á creación de redes temáticas, a difusión de prácticas e a transferencia do facer da iniciativa Equal ás políticas nacionais en materia de emprego.

mércores, 10 mar 2004
A financiación aprobada para a Acción 3 ascende a un total de 96.838 euros, dos cales un total de 72.628 os aporta o Fondo Social Europeo. O prazo de execución comeza o 8 de maio e remata o 31 de decembro de 2004.

O programa concreto aprobado no ámbito da Mancomunidade de Vigo leva o nome xenérico de "Novas Estratexias para a Sensibilización Social", e circunscríbese ó traballo pola inserción laboral de colectivos desfavorecidos do programa Compás da Mancomunidade. Dentro deste programa de Acción 3, a Mancomunidade de Vigo executa o proxecto de forma conxunta con outros dous socios: Coruña Solidaria, do Concello da Coruña e Serme, de Culleredo e As Mariñas.

As áreas de traballo de Acción 3 son sistemas de calidade aplicados á inserción baixo ISO 9000, a definición dun modelo de concertación polo emprego na área metropolitana de Vigo, o desenvolvemento de estratexias para a participación empresarial en procesos de inserción e a incorporación de estratexias transversais na igualdade de oportunidades.

A aprobación da Acción 3 supón un espaldarazo á boa xestión das Accións 1 e 2 do programa Compás, e sitúa á Mancomunidade e os seus socios nunha boa posición para a consecución de nova financiación para o Equal.

O Proxecto Compás, unha iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, promovida pola Mancomunidade de Vigo, traballa a prol dunha cultura de igualdade, promovendo novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado do traballo aberto a todos e todas, a través do deseño e do desenvolvemento de ferramentas e recursos concretos que melloren a ocupabilidade das persoas da área de Vigo.

No Proxecto Compás participan, ademais da Mancomunidade de Vigo, os sindicatos CCOO, CIG e UGT, a Confederación Provincial de Empresarios (CEP), a Deputación de Pontevedra e Caixanova. Ten unha duración de dous anos (ata xullo de 2004) e conta cun orzamento de preto de tres millóns de euros.

Ata o de agora, a Mancomunidade de Vigo recibiu mais de 14.000.000 para o financiamento de distintos proxectos de desenvolvemento local e emprego, sendo o investimento global promovido a través destes programas superior a 21.000.000 euros.

Proder

Na comisión de Goberno da Mancomunidade informouse tamén do estado de execución do programa Proder, que consta dun investimento total de 11.511.848 euros ata o ano 2008. En canto ás novas tecnoloxías, neste momento se está en fase de aprobación de proxectos que consisten na creación de centros de difusión e a utilización das novas tecnoloxías no medio rural (centros mayores e menores con ordenadores, programas de software para que a cidadanía e as empresas poidan coñecer e utilizar as tecnoloxías). Todo-los concellos incorporados ó Proder contarán con, alo menos, un centro destas características.

Neste momento existen axudas para a compra de equipamento informático para asociacións e para microempresas. Tamén para a celebración de actividades de sensibilización sobre o uso de novas tecnoloxías.

Ademais, se poñerán en marcha novas convocatorias do programa Proder para financiar empresas turísticas, empresas do sector agroforestal, do pequeno comercio e da artesanía, así coma empresas de sectores emerxentes.

Por outra banda, fóra do orde do día, a alcaldesa entregou ós integrantes da Mancomunidade, o anteproxecto de Lei de creación da Área Metropolitana de Vigo para o seu estudio.