Escoitar

Fernández del Riego recibe o primeiro premio Laxeiro

A alcaldesa e presidenta da Fundación Laxeiro, Corina Porro, entregou ao escritor e intelectual Francisco Fernández del Riego, o primeiro premio Laxeiro , concedido pola fundación que leva o nome do artista. O acto celebrouse na Biblioteca Penzol.

luns, 1 mar 2004
Del Riego reafirmou hoxe o seu amor por Vigo e asegurou que o seu cariño por esta cidade, na que vive dende o ano 39, "non pode negarse"; lembrou que dende a súa chegada a cidade olívica sentiuse atraído pola súa "vitalidade, forza e entusiasmo". Fernández del Riego, xa recuperado dunha recente operación, manifestou que Vigo contribuíu a crear a súa personalidade e lembrou que a amizade con Laxeiro fortaleuse tamén nesta cidade.

Con este galardón, que coincide co aniversario do nacemento do pintor, a Fundación Laxeiro quere recoñece-lo labor de Fernández del Riego, quen cumpriu 91 anos, na difusión, apoio e enriquecemento da cultura galega. O premio, unha escultura de Lino Cao, está inspirada nunha popular personaxe dun cadro do artista.