O Concello presenta a documentación técnica do proxecto da nova grada de Tribuna tras ser aprobado na comisión de seguimento de Balaídos
O alcalde de Vigo e técnicos da concellería de Fomento presentaron este xoves a documentación técnica da obra de transformación da bancada de Tribuna, aprobada por unanimidade na comisión de seguimento da concesión administrativa de dominio público sobre o estadio de Balaídos. O proxecto contempla un investimento global de 86 millóns de euros e permitirá elevar a capacidade do estadio a 43.118 espectadores.
O Concello de Vigo presentou este xoves aos medios de comunicación o proxecto da nova grada de Tribuna do estadio municipal de Balaídos, despois de que a comisión de seguimento entre o Concello e o Real Club Celta aprobase por unanimidade a documentación técnica o pasado martes, 24 de novembro.
“Aprobamos por unanimidade a documentación técnica do proxecto da nova bancada de Tribuna”, lembrou Abel Caballero, quen explicou que “a obra estará rematada a finais do ano 2029 e cumpre os requisitos FIFA”, afirmou o rexedor.
O alcalde reiterou que Vigo mantén a súa condición de precandidata para o Mundial de Fútbol de 2030, ao igual que o resto das sedes que están a ser avaliadas. Neste sentido, explicou que a FIFA está realizando visitas aos estadios candidatos e que tamén inspeccionará Balaídos.
Un novo Balaídos con capacidade para 43.118 espectadores
A transformación da grada de Tribuna permitirá elevar a capacidade total do estadio ata os 43.118 espectadores e adaptar as instalacións ás esixencias establecidas pola FIFA para acoller encontros do Mundial de 2030. A nova bancada contará con dúas alas que se prolongarán sobre as gradas de Marcador e Gol.
O proxecto inclúe unha profunda renovación dos espazos interiores, cun acceso para os autobuses dos equipos no interior do estadio, prazas de aparcamento, vestiarios independentes, sala de prensa, zona mixta e novos espazos de hospitalidade. Tamén se instalará un ascensor que conectará directamente os vestiarios e o aparcamento co palco de autoridades.
Un dos elementos máis destacados será a nova cuberta de Tribuna, cunha superficie de 9.000 metros cadrados, sostida por unha gran viga dunhas 600 toneladas de peso, sen apoios intermedios, que descansará sobre dúas torres de acceso. A cubrición exterior seguirá a estética actual, coa conformación de ondas entrelazadas e xerará un pasillo aporticado que conectará co de Marcador e Gol.
86 millóns de euros e finalización prevista en decembro de 2029
O orzamento das obras da nova Tribuna ascende a 78,3 millóns de euros, mentres que o investimento global do proxecto alcanza os 86 millóns. Os traballos comezarán no último trimestre de 2027 e teñen prevista a súa finalización antes do remate de 2029.
Como actuación previa, o Concello xa está executando desde xuño de 2026 o retranqueo dos grandes colectores de servizos situados na contorna da bancada, cun investimento próximo aos 3 millóns de euros e un prazo de execución de 14 meses. Durante os 26 meses previstos para a construción da nova Tribuna manterase en uso a bancada inferior, coa instalación dunha estrutura elevada e protexida para as cámaras de televisión e a iluminación.
Tres zonas para afeccionados e mobilidade sostible
A presentación incluíu tamén os resultados do estudo de mobilidade elaborado para o Mundial de 2030, que conclúe que máis de 128.000 vigueses poden acceder a Balaídos camiñando. A planificación contempla tres zonas para afeccionados, situadas en Castrelos, Navia e Porta do Sol, así como aparcadoiros disuasorios con servizos de lanzadeira no Parque Tecnolóxico e Loxístico, Samil e o IFEVI.