The Corrs chega esta noite a Castrelos cun concerto histórico
A banda irlandesa The Corrs actuará esta noite, ás 22:00 horas, no Auditorio de Castrelos nun dos grandes concertos da programación de verán de Vigo. Abel Caballero destacou a traxectoria internacional do grupo e puxo en valor o modelo municipal que permite gozar gratuitamente en Castrelos de actuacións que noutras cidades alcanzan prezos superiores aos cen euros.
“Hoxe en Castrelos ás dez da noite teremos un gran concerto de The Corrs, unha banda formada por catro irmáns que vai facer un concerto histórico na cidade”, avanzou o alcalde. Caballero salientou especialmente o carácter gratuíto dos concertos de Castrelos, financiados polo Concello, coa excepción das reservas de baixo custo habilitadas para acceder á platea. “Os concertos págaos o Concello e para a cidadanía son gratuítos”, lembrou.
O rexedor comparou este modelo cos outros concertos que The Corrs ofrece en España durante a súa xira: sinalou que en Xerez as entradas se sitúan entre os 80 e os 195 euros, en Mallorca entre os 70 e os 110 euros e que en Girona superaron os 80 euros. Fronte a estes prezos, Caballero reivindicou que Vigo manteña a súa “tradición de grandes concertos” con acceso gratuíto para o público. O alcalde apuntou finalmente que o financiamento municipal do concerto non conta con achegas da Xunta de Galicia nin da Deputación de Pontevedra.
O grupo, nacido en Irlanda e formado por Andrea, Sharon, Caroline e Jim Corr, iniciou a súa carreira na década dos noventa e consolidouse internacionalmente coa súa combinación de pop, rock e música tradicional irlandesa. Desde o seu debut en 1995 vendeu máis de 40 millóns de discos en todo o mundo. The Corrs chega a Vigo con preto de cinco millóns de oíntes mensuais en Spotify e cun repertorio que inclúe grandes éxitos internacionais como Breathless, canción que chegou ao número un en 17 países.