Escoitar

O Concello reforza o transporte urbano para o Marisquiño

O festival de cultura urbana e deportes de acción bota a andar este xoves na cidade con propostas para tódolos públicos e unha ampla oferta musical, deportiva e de ocio en Samil.

luns, 3 ago 2026

O alcalde lembrou que o Goberno de Vigo financia con 1.350.000 euros o festival, que non conta con achegas da Xunta de Galicia ou da Deputación. O Marisquiño 2026 comeza este xoves coas competicións de Skate, BMX e Basket 3X3 en Samil, tamén darán comezo os obradoiros infantís en Navia e Samil de BMX, BMX Flatland, graffiti, skate e freestyle rap.

O venres iníciase a programación musical nos catro escenarios do Marisquiño na praia de Samil, onde haberá concertos o venres, o sábado e o domingo. Ademais, o venres e o sábado serán as batallas de Freestyle no escenario Praza.

Abel Caballero informou este luns do reforzo do transporte urbano con Samil para facilitar os movementos durante os días de maior afluencia do festival “facilita o desprazamento, chégase antes, evita as colas e é o mellor que podemos facer”, apuntou.

Así, desde este venres día 7, ata o domingo 9 de agosto, haberá un servizo especial de lanzadeiras diúrnas e ampliarase o servizo nocturno da liña N1.

En canto ás lanzadeiras entre Samil e o centro da cidade, terán unha frecuencia de 15 minutos cun itinerario adaptado aos principais puntos de demanda. O percorrido con saída desde a Avenida de Samil pasará polo Verbum, Avenida Europa, Castelao, Gran Vía, Pizarro e Travesía de Vigo. O itinerario con saída desde Travesía pasará por Urzáiz, Policarpo Sanz, Cánovas del Castillo, Torrecedeira, Praza de América, Castelao, Avenida de Europa e Samil. As últimas saídas do servizo diúrno realizaranse ás 22.45 horas desde Travesía en dirección a Samil e ás 22:00 horas desde Samil.

No tocante á ampliación do servizo nocturno da liña N1, que facilitará o regreso unha vez finalizada a programación de cada xornada, o venres 7 e o sábado 8 terá unha frecuencia aproximada de 17 minutos desde as 22:37 horas en Samil e desde Buenos Aires ás 23:16 horas. A noite do domingo, o servizo terá unha frecuencia aproximada de 25 minutos. A primeira saída de Samil será ás 22:35 horas e desde Buenos Aires ás 23:14 horas.

A información completa sobre o servizo está dispoñible na VigoApp.

Descargar todas as imaxes