Escoitar

Balaídos alzará este mércores o segundo tramo da estrutura da cuberta de Gol

As obras da nova grada de Gol continúan avanzando coa montaxe da cuberta. O Concello izará este mércores o segundo dos 16 tramos da malla que a sostén, mentres mantén a previsión de completar a bancada a finais deste ano. Abel Caballero reafirmou tamén que a reforma de Balaídos estará terminada “en tempo e forma” para que Vigo sexa sede do Mundial de 2030.

luns, 3 ago 2026

“Seguimos avanzando a moi bo ritmo coa montaxe da cuberta da nova grada de Gol”, explicou o alcalde. Tras a colocación do primeiro módulo, este mércores será elevado o segundo tramo da estrutura metálica sobre a que se apoiará a cuberta.

A malla estará formada por 16 tramos, dos que seis se situarán na parte dianteira e dez na zona posterior da bancada. Segundo avanzou Caballero, o calendario de execución permitirá que “a finais deste ano a grada de Gol estea completamente terminada”. A nova bancada contará con máis de 7.000 localidades e forma parte da reforma integral do Estadio Municipal de Balaídos. A actuación permitirá completar a renovación das gradas de Río, Marcador e Gol e elevar o aforo ordinario do estadio ata arredor dos 31.000 espectadores.

Mundial 2030

O alcalde puxo en relación o avance da grada de Gol coa seguinte fase da transformación do estadio, destinada a incrementar o aforo de Balaídos ata as 43.000 localidades necesarias para acoller partidos do Mundial de 2030.

Caballero asegurou que os traballos avanzan conforme ao calendario previsto e que Vigo se atopa nunha posición máis avanzada que outras cidades candidatas. “Estamos cubrindo perfectamente tempo e forma para ser sede do Mundial de 2030, mellor que moitos outros candidatos neste momento”, afirmou.

O rexedor respondeu tamén ás dúbidas trasladadas sobre a candidatura viguesa e acusou á Federación de estar “sementando dúbidas e dicindo falsidades”. Fronte a esas manifestacións, reiterou o compromiso municipal de executar a reforma necesaria para adaptar Balaídos ás esixencias da competición. “En tempo e forma estará acabada a reforma do estadio de Balaídos para ter 43.000 espectadores e ser sede do Mundial”, concluíu.

 

Descargar todas as imaxes