Escoitar

Zona Franca activa a primeira incubadora de alta tecnoloxía startTIC

Abel Caballero remarcou este martes a vocación do Consorcio por apoiar aos emprendedores dos proxectos de alta tecnoloxía e por afianzar “a forma de entender a cidade e a economía facendo copartícipe a todo o mundo do avance e do progreso, que colocou a Vigo no lugar onde se atopa agora”.

martes, 9 xuñ 2026

Na presentación da primeira incubadora de alta tecnoloxía starTIC celebrada este martes, o alcalde puxo en valor a “formación excepcional” dos graduados e máster da UVIGO afirmando que Vigo conta coa base tecnolóxica para emprender proxectos de alto valor tecnolóxico e apuntou que Zona Franca conta co espazo necesario para aplicar a “inmensa capacidade creativa tecnolóxica e de desenvolvemento” que existe na cidade.

“Hoxe presentamos unha nova dinámica de futuro nunha cidade que hai décadas foi capaz de iniciar a fabricación de pequenas furgonetas e hoxe é o xigante Stellantis”, recalcou o rexedor, ao sinalar a transcendencia da diversificación da produción industrial de Vigo coa implantación de empresas tecnolóxicas como Indra ou Sparc. “É o nacemento dunha nova época nesta cidade e neste territorio á mesma altura tecnolóxica e coa mesma capacidade que os países máis desenvolvidos de Europa e do resto do mundo. Aí queremos estar, sabendo que somos capaces de competir e de lanzar proxectos ”.

Iniciativa

A Incubadora de Alta Tecnoloxía é un proxecto liderado pola Zona Franca de Vigo, xunto coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e con Gradiant, ao amparo da iniciativa europea “Infraestruturas destinadas a Incubadoras de Alta Tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes”. O proxecto está cofinanciado nun 60% polo fondo Europeo– FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2021-2027.

O delegado do Estado da Zona Franca, David Regades, destacou a importancia deste proxecto “porque startTIC é unha ferramenta para ordenar, conectar e potenciar todo o ecosistema para que xere máis actividade, máis empresas e máis emprego. E Vigo e Galicia teñen unha base extraordinaria para facelo. É unha actuación, dixo, que fala de tecnoloxía, pero tamén fala de economía, de emprego, de talento, de colaboración e de futuro para o territorio. E con tres socios que parten dunha mesma idea: a tecnoloxía debe estar ao servizo do crecemento empresarial, da transferencia de coñecemento e da creación de oportunidades”. Regades insistiu en que “starcTIC forma parte da estratexia que desde Zona Franca vimos impulsando para reforzar o papel de Vigo como nodo tecnolóxico de referencia”. “Se tedes un proxecto tecnolóxico, dixo, se estades a desenvolver unha solución innovadora, se traballades no ámbito TIC e queredes dar un salto no voso desenvolvemento, esta convocatoria é para vós”.

José García Costas, presidente da Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, destacou que “esta incubadora de alta tecnoloxía supón a mellor plataforma de lanzamento para o avance do noso sector TIC, pero tamén doutros sectores onde a compoñente tecnolóxica pode ser un vector transversal clave para o seu crecemento e competitividade”. Neste sentido, asegurou que o emprendemento empresarial está cada vez máis ligado aos sectores tecnolóxicos, e lembrou que “a dixitalización e a transferencia da tecnoloxía ás pemes e micropemes son unha aposta prioritaria dentro da folla de ruta da Cámara”, na que se enmarca a participación na incubadora StartTIC, pero tamén a posta en marcha doutras iniciativas como os centros da rede Dixital Hub Net en Pontevedra e Vilagarcía. Explicou que “o papel da Cámara nesta incubadora de alta tecnoloxía será moi activo, centrado na titorización de todos os proxectos e a mentorización para a internacionalización”.

Durante a xornada, Rosa Eguizábal, directora de Promoción Económica da Zona Franca de Vigo, presentou os obxectivos e oportunidades que ofrece startTIC, que nace coa vocación de reforzar o ecosistema TIC galego, favorecer a transferencia tecnolóxica e apoiar a emprendedores e pemes con solucións innovadoras. Esta primeira edición seleccionará 30 proxectos para un programa de incubación intensiva de seis meses, no que contarán con titorías personalizadas, asesoramento tecnolóxico, sesións de capacitación e networking, así como acceso a infraestruturas avanzadas. O prazo de inscrición para participar estará aberto ata o 6 de xullo a través da web oficial do programa, starttic.com

Pola súa banda, o director xeneral de Gradiant, Luis Pérez Freire, sinalou que “o lanzamento da primeira convocatoria de startTIC é un paso importante para seguir consolidando a Galicia como un ecosistema TIC competitivo, innovador, capaz de xestar e atraer novos proxectos. Desde Gradiant énchenos de orgullo achegar toda a nosa experiencia en incubación tecnolóxica e transformación do coñecemento en solucións reais para axudar a que novos proxectos innovadores crezan no territorio, atraendo talento e investimento, contribuíndo a construír unha rexión de referencia en emprendemento TIC e en creación de empresas de alta tecnoloxía”.

No acto tamén participou Esteban Vázquez, cofundador e CTO de Alice Biometrics, spin-off de Gradiant, como caso de éxito do ecosistema tecnolóxico galego. Nunha intervención sobre Investigar, innovar e emprender, Vázquez sinalou que "unha startup deep tech ten moitas peculiaridades, pero a máis relevante é que antes de converterse en empresa hai moitos anos de investigación e desenvolvemento. Cando entendes que esa tecnoloxía pode saír do laboratorio e resolver un problema real da sociedade, é determinante contar con perfís de negocio e un ecosistema innovador e colaborativo que te impulse e che axude a centrar e definir o que tes entre mans. Aí é onde empezas a converter ese coñecemento nun produto, buscar mercado e construír un negocio capaz de crecer de por si”.

startTIC está especialmente orientada a proxectos vinculados a ámbitos estratéxicos como o 5G, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, a defensa, as comunicacións avanzadas e outras tecnoloxías habilitadoras dixitais. A incubadora intégrase dentro do VgoTIC Global HUB en López Mora, o novo complexo tecnolóxico promovido pola Zona Franca, concibido como un espazo de referencia para a innovación, o emprendemento e a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos, institucións e talento emprendedor.

Descargar todas as imaxes