Escoitar

O CMAG - Vigo abrirá o 12 de xuño coa maior exposición de arte galega

O Concello despregou unha gran lona no histórico edificio de Policarpo Sanz, que albergará unha exposición da Colección Municipal de Arte Galega, con máis de 70 obras e pezas inéditas de Lugrís, Laxeiro, Berta Cáccamo, Isaac Díaz Pardo ou Sotomayor, entre outros artistas. “O 12 de xuño ás 19 horas abriremos as portas para que todo Vigo poida contemplar esta marabillosa exposición”, anunciou o rexedor.

luns, 8 xuñ 2026

Abel Caballero destacou a apertura dunha “extraordinaria exposición” na Casa das Artes con obras dos principais artistas galegos desde a posguerra ata finais do século XX.  A mostra, situada nunha primeira planta completamente renovada na Casa das Artes, frecerá un percorrido pola evolución da creación artística galega ao longo de seis décadas.

Entre os fitos do CMAG – Vigo figura unha sala monográfica dedicada á obra de Urbano Lugrís. Tamén a exposición da escultura Natureza do vigués Camilo Nogueira que, logo de ser restaurada, volverá exhibirse na cidade. A Casa das Artes incorporará ademais A barca espacial, considerada unha das obras mestras de Laxeiro e adquirida polo Concello, unha peza que apenas foi amosada ao público.

O percorrido complétase con Talismanta, da pintora Berta Cáccamo, actualmente en depósito e en proceso de adquisición municipal; unha selección practicamente inédita de obra sobre papel de Isaac Díaz Pardo; e un destacado retrato da última etapa de Fernando Álvarez de Sotomayor, doado ao Concello e nunca antes mostrado ao público.

A exposición estrutúrase seguindo un criterio cronolóxico e temático a través de sete capítulos que permiten comprender a evolución da arte galega contemporánea: Urbano Lugrís, entre o real e o onírico; O academicismo da posguerra; Entre dous exilios: a definición da arte galega; Entre a abstracción e a nova figuración; Novos camiños da figuración; Das mostras da Praza da Princesa ao Grupo Atlántica; e A liberdade expresiva dos noventa.

Caballero informou amais da presenza dunha selección de obras do colectivo Grupo Atlántica, presentada en diálogo co movemento precursor das históricas exposicións da Praza da Princesa, nun percorrido que permitirá coñecer a transformación da creación artística galega desde a posguerra ata as vangardas de finais do século XX.

“Unha exposición de gran envergadura”, asegurou o alcalde. No acto de inauguración, que se celebra este venres 12 de xuño ás 19 horas, actuará o dúo Caamaño&Ameixeiras. 

Descargar todas as imaxes