O Concello apoia ao Celta Femxa Zorka na fase de ascenso á máxima categoría
O alcalde confirmou que o ente municipal achegará 45.000 euros para acoller en Navia a Final Four que se disputará o 16 e 17 de maio. Ademais, quedou aprobada a licitación do servizo de promoción e divulgación dos equipamentos de Patrimonio Histórico.
O Celta Femxa Zorka de baloncesto feminino acaba de clasificarse oara o playoff final polo ascenso á máxima categoría e Abel Caballero garantiu este luns a celebración da fase de ascenso en Navia, na fin de semana do 16 e 17 de maio. O Concello de Vigo achegará 45.000 € para custear a organización da Final Four, que tamén contará co Melilla Ciudad del Deporte; Unicaja Mijas e o Osés Construcción.
O alcalde revelou o seu desexo de que “se xogue esa fase de ascenso en Vigo para que o noso equipo teña o máximo de posibilidades de ascender á máxima división do baloncesto feminino en España”. O primeiro encontro do Celta terá lugar o sábado 16 de maio ante o Melilla.
Licitación do servizo de promoción e divulgación dos equipamentos de Patrimonio Histórico
Na última Xunta de Goberno Local aprobouse a licitación do servizo de promoción e divulgación dos equipamentos de Patrimonio Histórico, por un importe de 450.000 euros ata o ano 2029. Caballero explicou que o procedemento abrangue os “xacementos arqueolóxicos do Castro e a Vila Romana de Toralla; Villa Solita en Alcabre e os espazos musealizados da fortaleza do Castro”.
A licitación inclúe o desenvolvemento de actividades de atención e información á cidadanía; a xestión do servizo de cita previa das visitas guiadas, “que o recomendamos moito”; a propia realización de visitas guiadas presenciais e virtuais; calquera outra actividade encamiñada á promoción e difusión, e á limpeza do xacemento arqueolóxico do Castro e dos espazos musealizados.