Escoitar

O Marco celebra o Día Internacional dos Museos

A programación especial, con actividades para tódolos públicos, adiántase a esta fin de semana, desde o venres 15 e ata o domingo 17 de maio.

luns, 11 mai 2026

O alcalde avanzou as actividades especiais organizadas polo Marco co gallo do Día Internacional dos Museos, que se conmemora o vindeiro luns 18 de maio, e pensadas para público infantil e adulto.

O venres 15, calquera persoa que o desexe poderá participar en “Entelar memorias”, o taller de Patricia Gestoso Abraín, que se desenvolverá na fachada principal do museo. Cada asistente achegará unha peza de roupa ou tea con significado especial que desexe transformar en memoria. Crearase en grupo unha obra artística que reflicta diferentes historias.

O sábado 16 pola mañá, o Marco organiza un taller para público infantil e familiar ao redor da exposición “Hai un lugar” de Alberto Ardid. De 11 a 12.30 horas para nenas e nenos de 3 a 6 anos e, de 12:30 a 14 horas, para cativada a partir de 7 anos. Pola tarde, ás 18:30 horas, visita á exposición de Alberto Ardid guiada polo artista.

O sábado ás 17 horas da tarde será a apertura da nova exposición con fondos da Colección Marco na planta baixa, que exhibirá obras dos arxentinos Jorge Macchi e Enrique Ježik e do mexicano Jonathan Hernández. Os tres artistas comparten unha actitude reflexiva sobre a actualidade, a contorna, a linguaxe, a realidade, os seus significados e os modos de representala.

O último día de celebración, o domingo 17, Día das Letras Galegas, clausúrase a exposición “Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia”. • Ademais, o Marco prepara a presentación do catálogo desta mostra, editado por Galaxia, coa previsión de facela este sábado, pendentes aínda dos prazos de imprenta.

 

Descargar todas as imaxes