O Concello reforzará muros en catro centros educativos da cidade con 612.000 euros
O Goberno local comezará no mes de xuño a reparación de muros en catro colexios da cidade. Cun orzamento de 612.000 euros, actuarase no Igrexa Valadares, no Valle Inclán, na Escola Infantil Vila Laura e no Mestres Goldar.
A Xunta de Goberno adxudicou esta mañá as obras de reconstrución dos muros dos colexios Igrexa Valadares e Valle Inclán cun orzamento de 201.775 e 178.820 euros, respectivamente. Ademais destas rehabilitacións, o Concello tamén ten previsto acometer traballos de reparación nos muros da Escola Infantil Vila Laura (107.000€) e no CEIP Mestres Goldar (124.000€). Tal e como explicou o rexedor, as catro obras comezarán no mes de xuño, unha vez rematado o período escolar e o custo total ascenderá a 612.000 euros.