Escoitar

Vigo recibe o apoio do Goberno de España para ser sede do Mundial 2030

Abel Caballero e a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, mantiveron unha xuntanza coa ministra de Deportes, Milagros Tolón, para expoñer a situación de Vigo no proceso de selección das sedes. “Moi boa receptividade por parte da ministra e o seu equipo, que consideran que Vigo reúne os méritos e requisitos necesarios para ser sede do Mundial 2030”, afirmou Abel Caballero ao remate da reunión.

luns, 2 mar 2026

O alcalde reclamou ao Goberno de España que garanta que se respecte a orde da listaxe elaborada pola Federación Española de Fútbol: “Temos concedidas 11 sedes para España no Mundial 2030, mentres que a Federación propón actualmente só 10. É un ridículo que España non se pode permitir”, declarou o rexedor.

Abel Caballero explicoulle á ministra de Deportes que Vigo formaba parte do grupo de cidades que, segundo a valoración inicial da Real Federación Española de Fútbol, reunían as condicións para ser sede do Mundial. Porén, denunciou que a cidade foi excluída “nun escándalo imposible de xustificar e de explicar”, unha decisión que, segundo afirmou, foi executada de forma “visible e manifesta” polo presidente da Federación, Rafael Louzán. O alcalde lembrou que, tras a renuncia de Málaga como sede, Vigo debía ocupar o seguinte posto conforme á orde establecida. “Ao caer Málaga, tiña que entrar Vigo, que era a seguinte na lista”, subliñou.

Segundo explicou Caballero, a exclusión de Vigo foi utilizada pola Xunta e pola Deputación para xustificar a súa negativa a financiar parte das obras de reforma da grada de Tribuna do estadio municipal. Malia iso, o alcalde asegurou que o Concello asumirá as reformas necesarias e cumprirá todos os requisitos esixidos para ser sede.

O alcalde quixo trasladarlle esta cuestión á ministra e o seu equipo antes da xuntanza prevista para o xoves que encabezará a ministra de Deportes e que contará coa participación da Federación e da FIFA. “Contamos co apoio da ministra de Deportes porque Vigo cumpre os requisitos e ten os méritos para ser sede do Mundial”, concluíu Caballero.

Descargar todas as imaxes