Escoitar

Caballero manterá unha xuntanza coa ministra de Deportes e co CSD polo Mundial 2030

O alcalde anunciou que vai “pelexar a fondo” e que xa solicitou unha reunión coa ministra de Deportes, Milagros Tolón, e co presidente do Consejo Superior de Deportes. “Non vou renunciar de ningún modo. A voz de Vigo vai chegar a todas partes”, concluíu.

martes, 10 feb 2026
Imaxe de arquivo
Imaxe de arquivo

Abel Caballero foi moi crítico tras as declaracións da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, nas que afirmaba que o Concello non se dirixira á Xunta sobre a reforma do Estadio de Balaídos para o Mundial 2030. Caballero desmentiu rotundamente esa afirmación e lembrou que a Xunta coñeceu “absolutamente todo” o proxecto presentado polo Concello de Vigo á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para optar a ser sede deste campionato de fútbol. “Houbo numerosas reunións e trasladóuselles toda a información. Non só coñecían o proxecto, senón que se negaron a asinar a solicitude e posteriormente tamén rexeitaron financiar a parte que lles correspondía”, afirmou.

España ten concedidas 11 sedes, pero a RFEF só enviou 10, “porque non quixo enviar a de Vigo”. Unha decisión que, segundo denunciou, responde a unha instrución política directa: “Porque Alfonso Rueda lle di a Louzán que Vigo non pode ser sede baixo ningún concepto”. “Cando caeu Málaga, Vigo tivo unha nova oportunidade de ser sede e Louzán négase e remítenos unha carta dicindo que non vai enviar a candidatura de Vigo á FIFA”.

O alcalde reiterou que Vigo reformará a grada de Tribuna “con Mundial ou sen Mundial”, pero esixiu que a Xunta e a Deputación asuman a súa responsabilidade financeira: “Estamos a falar da instalación deportiva máis importante de Galicia”, afirmou.

Descargar todas as imaxes