O Goberno aproba o proxecto da Gran Vía entre as rúas Tarragona e Gerona con 7 ramplas mecánicas
A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto que facilitará o tránsito peonil no corredor de preto de 400 metros de lonxitude entre as rúas Gerona e Tarragona coa instalación de sete ramplas mecánicas. “Xa non hai quen nos pare”, afirmou hoxe o alcalde ao explicar o avance da nova forma de conexión entre as prazas de América e España.
Abel Caballero destacou o “importantísimo” acordo adoptado hoxe pola Xunta de Goberno ao aprobar o proxecto da reforma dunha parte importante da Gran Vía, entre as rúas Xirona e Tarragona. O importe de licitación ascende a 9.143.000 euros e contará con financiamento do Goberno de España a través dos fondos europeos FEDER.
O alcalde apuntou que as sete ramplas cubertas con pérgolas, a construír na primeira fase das obras de Gran Vía entre as prazas de España e de América, contarán cunha lonxitude de 33 a 46 metros, e lembrou que o proxecto contempla a accesibilidade entre as beirarrúas e o boulevard. O proxecto tamén contempla a ampliación da vexetación e manter a estrutura actual. “Queremos potenciar o desenvolvemento económico da zona”, destacou o rexedor, ao poñer en valor a transcendencia dos cambios na mobilidade peonil e na potenciación da actividade comercial.
Caballero explicou que o proxecto do segundo tramo entre as rúas Tarragona e Illas Baleares está moi avanzado, destacando que “nestes momentos xa temos aprobado e para sacar a licitación para contratar a obra un tramo de preto de 400 metros”.
Escola infantil
O goberno local validou a prórroga da xestión da escola infantil municipal Mestres Goldar de Castrelos por un orzamento de 223.135 euros. Así o explicou Abel Caballero quen lembrou que, ademais da matrícula custo cero, as escolas infantís municipais ofrecen gratis os servizos de comedor e de atención educativa e orientación. O Concello dispón de 9 escolas municipais: Lavadores, Navia, Praza Industria, Saiáns, Teis, Tomás Alonso, Bouzas, Bembrive e Mestres Goldar. Ademais, indicou, cofinancia as escolas infantís da Xunta de Galicia (rúa Palencia e Hernán Cortés).