Escoitar

Vigo reforza a súa proxección como escenario do audiovisual en FITUR

A Vigo Film Office presentou na Feira Internacional de Turismo “O Nadal de Vigo: un plató a ceo aberto”, poñendo en valor como as luces máis famosas do mundo se converteron nun auténtico imán para as producións audiovisuais. Abel Caballero: “Vigo préstase para a realidade, a imaxinación, o mito e a ficción”.

xoves, 22 xan 2026

O escenario de FITUR Screen acolleu a exposición de Vigo como plató de rodaxes, na que se propuxo á cidade como un destino para todo o ano con toda a disposición e axuda do Concello para facilitar aos equipos a gravación a creación do seu contido audiovisual.

Durante a súa intervención, o alcalde subliñou que Vigo proxecta valores como a cercanía, a cooperación e a cordialidade, ao tempo que se amosa como unha cidade moderna, intelixente e preparada para acoller todo tipo de proxectos creativos. “Queremos seguir sendo un plató de rodaxe a ceo aberto, todo o ano, á disposición do audiovisual”, afirmou.

Caballero puxo en valor a versatilidade da cidade como escenario de rodaxe: “En Vigo pódense facer simulacións audiovisuais espectaculares, como unha persecución. Velas en directo xa impresiona, pero no cine é algo nunca visto”. Ademais, destacou a evolución da cidade nas últimas décadas: “Hai vinte anos era impensable rodar aquí un anuncio de amabilidade. Hoxe ofrecemos todas as facilidades”. Tamén salientou que Vigo se converteu nunha marca recoñecida ao nivel de grandes cidades como Madrid ou Barcelona.

No marco desta estratexia de impulso ao sector audiovisual, Caballero deu conta de que desde Zona Franca se está a traballar nun proxecto audiovisual de gran envergadura: “Vai ser moi poderoso. Témolo bastante avanzado e será unha realidade moi pronto”.

Pola súa banda, a responsable da Vigo Film Office, Amaia Mauleón, explicou que a cidade non só atrae visitantes, senón tamén cámaras: “Non só se admiran as luces, tamén se rodan”. A Nadal de Vigo converteuse nun escenario recoñecible, cargado de valores positivos como a alegría, a emoción e a sorpresa, que constitúen “materia prima de primeiro nivel” para o sector audiovisual.

Numerosas marcas e producións apostaron por Vigo como escenario, entre elas campañas de Repsol, Suchard ou Loterías, así como proxectos de ficción como Apocalipsis Z, Rondallas ou a serie Ágata e Lola, actualmente en rodaxe. O pasado ano rexistráronse máis de 320 días de rodaxe na cidade, con estreas previstas para este ano como Maruxía ou Caldas, o último barco.

Na presentación tamén participou o director de Verve Creative Group, Santiago Romero, que destacou tamén as vantaxes loxísticas de Vigo: a proximidade entre localizacións, a boa conectividade aérea, ferroviaria e por estrada, así como a calidade dos servizos de hoteis e restauración, xunto co apoio institucional do Concello.

Con esta presenza en FITUR, Vigo reafírmase como unha cidade á vangarda, preparada para competir coas grandes capitais do audiovisual. “Fixémolo coa Nadal e gañámoslle a todos”, afirmou Caballero. “Agora queremos que o cine reviva todo iso. Porque no mundo, todo o que non ten imaxe non existe, e nós queremos esa dimensión cultural e esa imaxe para Vigo”.

Descargar todas as imaxes