Escoitar

Caballero: “O Nadal de Vigo e o fenómeno turístico emerxente máis importante deste século no mundo”

Abel Caballero proclamou este xoves en Fitur, durante o acto de presentación da campaña “Vigo, un Nadal de 365 días” ante un abarrotado espazo de Turespaña, que Vigo “é unha cidade única e é o Nadal: o fenómeno turístico emerxente máis importante deste século no mundo”. O alcalde destacou a proxección internacional alcanzada por Vigo “partindo desde cero” e que a cidade atópase todo o ano “en tempada alta” pola extensión de xaneiro a decembro das ofertas turísticas, culturais e gastronómicas.

xoves, 22 xan 2026

O rexedor destacou que a cidade conseguiu en moi poucos anos pasar de ser unha cidade “triste e gris” a “que o mundo enteiro saiba do Nadal de Vigo, da excelencia da cidade e que calquera persoa cando citas a Vigo contesta co Nadal e sorrí con amabilidade”.

Na presentación da campaña "Vigo, un Nadal de 365 días", Caballero incidiu en que en Vigo “identificámonos cun valor tan importante como o o Nadal, inventando o Nadal no século XXI”. Reivindicou que o ”Nadal se inventou en Vigo”, así como o carácter de referente mundial. “Vigo acende en novembro e toda España acende despois. Somos o referente e marcamos unha cultura”, recalcou ao destacar a presenza continuada de miles de visitantes. “Seguen visitándonos millóns de persoas cada Nadal”, apuntou tras acentuar a transcendencia para a economía da cidade como consecuencia dos centos de millóns de euros e miles de empregos que xera por ser “imaxe de marca”.

O alcalde destacou a recente publicación do INE que constata o liderado ata outubro da presenza de visitantes estranxeiros, chegando a ser como Santiago e Coruña xuntos “e iso é un orgullo inmenso“.

O acto foi guiado polos xornalistas Luis García Rey e Paula Montes, que destacaron "o carácter de bos anfitrións dos vigueses e viguesas e que Vigo atópase na Champions League das luces do Nadal". 

Nadal todo o ano

“Somos Nadal en Nadal e o resto do ano tamén”, recalcou o alcalde ao incidir en que a cidade está “sempre en tempada alta” e que a senda da cita festiva de España a marca Vigo porque “estamos noutra dimensión. Xogamos a liga de París, Nova York ou Roma”. Vigo conta con eventos festivos, culturais, turísticos e gastronómicos para garantir a afluencia de visitantes durante todo o ano, lembrou Caballero ao apuntar a importancia da Festa da Reconquista, convertida en “unha romaría urbana única, así como do Entroido, de Semana Santa, o Marisquiño, os concertos de Castrelos e a “mellor gastronomía do mundo a prezo asequilble”.

O rexedor alertou de que todas as persoas que visitan Vigo “teñen un risco, quererán quedar para sempre e moitos quedan. Por isto quero que o mundo siga coñecendo a nosa capacidade de fabricar Nadal, cultura, e industria desde a excelencia”, indicou. Caballero chamou a “prepararse” para o próximo Nadal “porque será mellor".

 

Descargar todas as imaxes