Escoitar

O Concello construirá 6 novas vivendas na rúa Canicouva

O alcalde avanzou que a Xerencia de Urbanismo aprobará a segregación dunha parcela do CEIP Canicouva para construír máis vivenda a prezo taxado.

venres, 23 xan 2026

A parcela obxecto da segregación conta cunha superficie de 906 metros cadrados e nela sitúase un edificio que, hai anos, acollía vivendas destinadas ao profesorado do centro educativo. Segundo explicou o rexedor, este inmoble leva moito tempo sen uso e atópase en mal estado.

“Trátase dun edificio que non se utiliza para nada desde hai anos e que non reúne condicións para uso docente. Por iso damos este paso: para poñelo ao servizo da cidade”, sinalou Abel Caballero.

O proxecto municipal contempla a rehabilitación do edificio existente para a construción de cando menos seis vivendas con algún tipo de protección, que pasarán a formar parte do parque público municipal de vivenda.

“Seguimos lanzando proxectos de construción de vivenda a prezo tasado que favorezan á xente nova da cidade e que dean resposta a unha das principais necesidades sociais”, destacou o alcalde.

Descargar todas as imaxes