O Concello investirá 1,9 millóns de euros no novo corredor entre Travesía e Aragón que terá 3 ramplas mecánicas
A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobará mañá o proxecto para conectar as rúas Travesía de Vigo e Aragón a través dun corredor de 200 metros de lonxitude que contempla a instalación de tres ramplas mecánicas e que conectará co macroparque infantil Finca Matías. “Unha das grandes obras da historia da cidade porque se converterá nun gran corredor para moverse en zonas de gran desnivel”, destacou este xoves Abel Caballero.
O alcalde explicou hoxe que o Concello investirá 1.913.000 euros no novo proxecto de Vigo Vertical para conectar outra zona da cidade con medios mecánicos: as rúas Travesía de Vigo e Aragón. Lembrou que a este investimento súmanse outros 2.850.000 euros para o macroparque Finca Matías, co que o Concello destinará 4.763.000 millóns a esta zona.
O proxecto, que supón salvar 20 metros de diferenza de cota entre as zonas norte e sur, contempla tres tramos: o inicial de 60 metros de lonxitude na rúa Travesía de Vigo; o intermedio de preto de 100 metros onde se instalarán as 3 ramplas mecánicas de 24, 25 e 29 metros, e o final de 40 metros, que enlazará o macroparque Finca Matías coa rúa Toxal. No contorno das ramplas, onde se instalará novo arborado, bancos e varandas, haberá zonas peonís.
Entre os obxectivos do proxecto destacan, segundo o rexedor, unha conexión adicional ás existentes entre Travesía de Vigo e Aragón con medios mecánicas, unha gran área de lecer para distintas idades, así como humanizar o tramo das rúas Travesía de Vigo 98-100 e Toxal, ademais de renovar todas as redes de servizos, instalar nova iluminación e mobiliario urbano.
O alcalde apuntou que a remodelación e humanización de toda a área, coa construción do maior parque infantil da cidade, reflicte “o modelo do Vigo novo que estamos a facer en tantos lugares” para avanzar que “haberá máis novidades”.