Caballero demanda unha resposta á súa proposta de confinanciar as obras de Balaídos para o Mundial de 2030
Abel Caballero lembrou hoxe á Xunta e á Deputación de Pontevedra que non responderon á súa proposta de cofinanciar cun terzo, respectivamente, o custo das obras de ampliación do Estadio de Balaídos para afrontar o Mundial de Fútbol de 2030. “Non contestan, non din nada e ignoran que Vigo ten e cumpre todos os requisitos para ser sede do Mundial”, afirmou.
“Estou a propoñer que se financie a terzos, un terzo o Concello, outro a Xunta e outro a Deputación, porque o Mundial de Fútbol é un evento do mundo e ao campo de Balaídos non só veñen persoas de Vigo, senón de toda a provincia e de toda Galicia”, recalcou o rexedor.
Caballero remarcou que a Federación Española de Fútbol tamén segue sen dar resposta á petición de Vigo para remitir á FIFA a proposta de Vigo como unha das sedes da competición, mentres o seu presidente, Rafael Louzán di ao referirse ao Concello que “neste tema deberíase concretar máis e falar menos e iso é o que eu lle digo a Louzán, que concrete máis e fale menos porque Vigo reúne todas as condicións e características exactamente igual que outros estadios que nestes momentos están propostos á FIFA”.
O rexedor preguntouse polas razóns que xustifican que outros estadios que están igual ou peor ca Vigo sexan xa candidatos e Balaídos non, cuestionándose se terá algo que ver a filiación política de Rafael Louzán ou que o presidente da Xunta de Galicia quere que soamente haxa unha sede en Galicia e que sexa Coruña.
Caballero apela ao presidente da Federación de Fútbol a “concretar e enviar inmediatamente a proposta de Vigo á FIFA”.