Escoitar

O VIII Certame de Rondallas de Vigo, este sábado 10 de xaneiro en Navia

O alcalde presentou este mércores o oitavo encontro de rondallas da cidade que reunirá no pavillón municipal de Navia ás agrupacións de Beade, Bembrive, Valladares e Zamáns.

mércores, 7 xan 2026

O Concello organiza a oitava nova edición do Certame de Rondallas de Vigo que se celebrará este sábado, 10 de xaneiro, no Pavillón de Navia, que acolle por primeira vez o encontro que contará coa participan de catro rondallas da cidade: Bembrive, Valladares, Beade e Zamáns, coa ausencia nesta edición da Peña O Freixo, pola morte do seu director, Xusto Figueroa.

Na presentación do evento, Abel Caballero convidou a toda a cidade a gozar do espectáculo das rondallas que levarán “o folclore a toda a cidade”. Estivo acompañado pola concelleira de Festas, Patricia Rodríguez; Marcos Castro e María, en representación da rondalla de Bembrive; Antonio Villar, Santi, Gael e Yeray en representación da rondalla de Beade e Ana Pérez Davila, Sheila e Martín, presidenta da Asociación Cultural e Veciñal de Valladares e abandeirados da rondalla desa parroquia, respectivamente.

Tal e como apuntou o rexedor, as rondallas son unha tradición centenaria, “unha forma de facer folclore única no sur da provincia de Pontevedra, desde Vigo e ata o río Miño”, que foi pasando de xeración en xeración e que agora seguirá cos nenos e bisnetos dos iniciadores. A película “Rondallas” de Daniel Sánchez Arévalo “está poñendo de actualidade esta forma extraordinaria e única de folclore”, que está vivindo un momento moi importante, valorou.

O pavillón de Navia será o escenario este sábado, 10 de xaneiro, a partir das 17:30 horas do espectáculo das rondallas. A previsión é que participen máis de 300 persoas, cunha media de 70-80 persoas por agrupación e, se o tempo o permite, desfilarán polas rúas de Navia, antes do inicio do festival. “A exhibición vai ser excepcional e quero felicitarvos ás catro rondallas representadas”, cun repertorio que inclúe temas tradicionais, combinados con música máis actual, sempre con instrumentos da tradición musical galega.

Descargar todas as imaxes