Escoitar

"Teis : memoria histórica dunha parroquia"

O concelleiro de Cultura, Ignacio López Chaves, presentou o libro que leva por título " Teis : memoria histórica dunha parroquia do litoral (Vigo/Lavadores)" escrito por Juan Miguel González Fernández a iniciativa da Asociación de Veciños de Teis.

martes, 23 dec 2003
A publicación, da que se editaron 3.000 exemplares, reflíctese a historia de Teis, desde o seu xurdimento ata a súa anexión ao Concello de Vigo e está patrocinada pola Concellería de Cultura.

Avelino López Quirós, presidente da A.VV. de Teis manifestou que o "noso interese pola publicación do libro, pasa porque a xente coñeza os feitos máis relevantes que aconteceron e que contribuíron a facer deste pequeno recuncho do litoral un importante anaco da historia de Vigo".

Juan Miguel González Fernández subliñou que o obxectivo do libro é unha tentativa de reconstruír a historia dun colectivo humano ligado pola pertenza común a un territorio, desde as súas orixes ata tempos recentes.

O Concelleiro de Cultura destacou o interese do libro non só para Teis, senón para toda a cidade de Vigo pola temática que trata, desde la historia, a cultura, e arquitectura. López Chaves manifestou a súa disposición de apoiar iniciativas deste tipo que serven de apoio para o coñecemento da cidade.