Escoitar

Elección do novo alcalde

A Corporación Municipal decidirá quen será a persoa que acceda alcaldía de Vigo no transcurso dun pleno extraordinario que se celebrará o sábado día 13 no salón de actos do Concello.

venres, 12 dec 2003
1071244725concello.jpg
Na pasada data de 29 de novembro o Alcalde da cidade presentou ó Pleno unha cuestión de confianza vinculada á aprobación de diversas modificacións en Ordenanzas Fiscais que foi rexeitada.Como consecuencia diso e por mandato da lexislación electoral produciuse o seu cese sinalando a mesma norma a obriga de realizar sesión plenaria para a elección do novo Alcalde no décimo día hábil seguinte á votación as doce horas.

O procedemento a seguir na sesión será o seguinte:

1.- En primeiro lugar constituirase a mesa que presidirá o Pleno.

2.- Constituída a mesa o presidente solicitará a presentación de candidaturas á Alcaldía. De conformidade co previsto no art.197.bis da Lei Electoral poden ser candidatos aqueles Concelleiros/as que encabezaron as súas respectivas listas nas eleccións municipais do 25 de maio agás o da lista do PSdG-PSOE na que poderá ser candidato o segundo da mesma.

3.- Nomeados os candidatos pola presidencia abrirase un turno de intervencións comezando polo grupo político que ten menor número de concelleiros, ao obxecto de que expoñan o seu programa de goberno.

4.- Concluidas as intervencións procederase á votación do novo Alcalde que será ordinaria a non ser que algún grupo político solicite outro sistema, decisión, que non obstante, corresponderá ao Pleno.

5.- Será proclamado Alcalde/sa aquel candidato ou candidata que obteña o número de votos equivalentes á maioría absoluta do número legal de membros da Corporación. No suposto de que ningún deles obteña esa maioría será proclamado Alcalde/sa o candidato/a da lista máis votada nas eleccións do 25 de maio.

Finalmente o Alcalde ou Alcaldesa electo/a tomará posesión do seu cargo mediante o xuramento ou promesa da fórmula legalmente establecida.
Descargar todas as imaxes