O alcalde e a vicepresidenta do Goberno visitan a obra de recuperación da praia de Samil
Abel Caballero trasladoulle a Sara Aagesen, ministra de Transición Ecolóxica, a súa satisfacción polo desenvolvemento desta obra “excepcional” coa que a cidade, dixo, “está encantada”.

Durante a visita ás obras de recuperación da zona dunar de Samil este mércores, o rexedor agradeceu a visita da ministra á cidade e destacou a importancia desta actuación: “É a transformación dunha gran praia urbana de España con criterios de recuperación medioambiental, retornándoa ao que era hai 100 anos”, compatible co medio ambiente, o goce cidadá, a recuperación da area e das dunas.
A obra suporá a construción de 250 metros de novo paseo, de 12 metros de ancho, e o retranqueo de 25 metros, polo que “duplicamos a superficie de praia”, sinala Caballero, que cualifica a actuación como “excepcional, Vigo está encantado”, reafirmando o compromiso da cidade coa defensa de mares e océanos tendo en conta que o mar “forma parte da nosa esencia”.
A ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen puxo en valor o investimento de 1,8 millóns de euros neste “proxecto de éxito”, que supón a recuperación dun “espazo que quedara degradado ao longo dos anos, restaurando a praia e a duna, conservando a protección do medio ambiente e un espazo social para toda a cidadanía”, destacando una construción ecolóxica do paseo nunha “aposta clara polo medioambiente e a sostibilidade”. Amais avanzou que “seguiremos traballando e colaborando” na recuperación dunar de Samil.



