Escoitar

Vigo lanza "Vega", unha App con intelixencia artificial "aliada" contra a violencia de xénero

“Vega”, a aplicación móbil contra a violencia de xénero, creada por un axente da Policía Local e outro da Policía Nacional, foi presentada este mércores polo alcalde, o delegado de Zona Franca, e a primeira tenente de alcaldía. A nova App, que aplica a intelixencia artificial, significa “un avance prodixioso” contra as situacións de perigo e para favorecer a seguridade das mulleres, segundo asegurou Abel Caballero.

mércores, 25 xuñ 2025

Abel Caballero destacou hoxe, ante as representantes dos colectivos que loitan contra a violencia de xénero que participaron na presentación da App “Vega”, a importancia da creación dun “instrumento” que, ademais de facilitar a vida e a seguridade das mulleres, “sempre” terá un efecto “sobre os violentos” ante a “dúbida de se estará a funcionar” unha aplicación que permite emitir unha chamada de socorro ás forzas de seguridade do Estado e xeolocalizar ás vítimas.

O alcalde expresou a súa seguridade en que a implantación da nova App estenderase con rapidez porque se vai converter nun “aliado” das mulleres. Creada por un axente da Policía Local e outro da Nacioanal, ademais de inversores tecnolóxicos,  esta innovación permitirá "delatar” situacións de violencia machista.

O rexedor recalcou a importancia de que transcenda “que todas as mulleres poden ter no seu móbil esta APP que vai facer que funcione a intelixencia artificial en defensa da posible vítima de violencia machista” .

Nova ferramenta

A primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, tras lembrar que nos seis primeiros meses de 2025 un total de 16 mulleres foron vítimas de violencia de xénero polo que o seu combate debe ser “unha prioridade social”, recalcou que a nova App representa “unha porta aberta á esperanza de que podamos evitar as violencias que sufrimos as mulleres”.

Carmela Silva insistiu en que “non hai nada máis urxente en España, Europa e no mundo que a loita contra a violencia machista que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres”, e na defensa dos investimentos destinados a “garantir a seguridade” e a propiciar que as novas tecnoloxías garantan a implantación de instrumentos que poidan previr, dar unha resposta inmediata, e eviten as situacións de perigo”.

“As mulleres temos dereito a sentirnos máis seguras”, reivindicou Silva.

Descargar todas as imaxes