Abel Caballero: “Esiximos á Federación que Vigo volva ser sede do Mundial 2030”
O alcalde interveu no Pleno para defender Vigo como sede do Mundial de Fútbol 2030: “Roubáronos politicamente unha candidatura do Mundial 2030. Isto é un escándalo. A Federación ten que facer que Vigo sexa sede do Mundial”, afirmou. A proposta do grupo socialista saíu adiante cos votos favorables do goberno e a abstención do Partido Popular e o BNG.

O alcalde “esixe á Federación de Fútbol que Vigo volva ser sede do Mundial 2030” aducindo que “nos quitaron sen razón e coñecemento da listaxe inicial, onde puntuaron dun xeito, logo inventaron unha segunda listaxe da que os membros do Comité din que non houbo unha reunión”. “É a súa obriga que Vigo sexa sede do Mundial porque nos quitaron da listaxe”, insistíu.
Caballero tildou de “escándalo” o que está a acontecer coa selección das sedes do Mundial 2030 e considera un “roubo político” que Vigo desaparecera da primeira listaxe enviada ao actual presidente da Federación, Rafael Louzán, que no momento no que se tomou a decisión era vicepresidente da Federación Española e presidente da Galega. Amais, lamentou que a auditoría presentada por la RFEF estea “feita pola persoa que dixo que “haberá que meter 800 veces os datos nun excel ata que cadre o resultado”, e que dimitiu posteriormente.
Para o alcalde o actual presidente da Federación “está na mentira permanente contra a candidatura do Concello”, como cando fala da parte económica e do aforo do estadio. “Enviamos unha proposta de financiamento detallada”, afirmou, e recriminou á presidenta do PP de Vigo “que non asinara o compromiso de financiamento para a remodelación da grada de Tribuna ata chegar aos 43.500 asentos netos, onde participarían Xunta, Deputación e Concello. Non asinaron nin a Xunta nin a Deputación, coa presidenta do PP de Vigo nesa reunión. O Concello de Vigo ten cartos para facer a obra en solitario, se fose necesario.” Caballero sinalou ao PP de Vigo, xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Deportes, Diego Calvo: “Que é isto? O relato de apoio a Louzán?”, cuestionou polas súas posicións neste eido.
Con todo, O Pleno aprobou instar ao presidente da Xunta a esixir a publicación de todos os criterios e puntuacións de todas as candidaturas presentadas, como xa solicitara o goberno local o 25 de febreiro e non obtivo resposta. Tamén se demanda ao presidente o cese do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, por falar de “falta de influencia política do goberno local” na elección das sedes, o que significaría que as asignacións non se fixeron con criterios obxectivos. Vigo pide amais explicacións do presidente da RFEF, Rafael Louzán, sobre todo o proceso de selección das candidaturas e a exclusión de Vigo da listaxe de sedes seleccionadas. Tamén o Grupo municipal socialista aprobou o rexeitamento ás palabras da presidenta do PP de Vigo nas que fala de “carencias na candidatura” e poñerse do lado dos que se opuxeron a que Vigo sexa cidade mundialista.