Escoitar

"Unidos en Vigo non hai nada que non poidamos conseguir"

O Teatro García Barbón acolleu este mércores a Gala de entrega das Medallas da Cidade e dos premios Viguesas e Vigueses Distinguidos de 2025. No seu discurso, o alcalde puxo en valor a unión da cidade, unha forza coa que "xa temos o noso lugar no mundo. Puxemos a Vigo no mapa e xa ninguén nos sacará del".

xoves, 27 mar 2025

Reprodución do discurso do alcalde no transcurso do acto.

Pregoeiro, Medallas de Ouro da Cidade, Viguesas e Vigueses Distinguidos, Tenentes de Alcalde, Subdelegado do Goberno, Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, Bispo, Reitor, concelleiras e concelleiros, autoridades, miñas donas e meus señores.

Asistimos con preocupación ao rexurdimento de políticas que criamos superadas e que ameazan o equilibrio mundial. Supoñen un grave risco ao cuestionar os valores progresistas e sociais. Opóñense á globalización, atacan a igualdade, fomentan a xenofobia e alentan o negacionismo. Nestes momentos, debe ser un obxectivo común frear o auxe destes movementos que incitan ao odio e á intolerancia.

Movémonos nun mundo conectado, no que debe primar o multilateralismo e no que ao mesmo tempo o local adquire unha dimensión cada vez máis importante. Refírome ao local no sentido amplo da expresión, que engloba a conectividade social, o sentido de pertenza e a construción de comunidade. En definitiva, a calidade de vida, xa que aquilo que dá significado á identidade das persoas, defínese nas cidades, defínese na proximidade.

A chegada de Donald Trump á presidencia dos Estados Unidos non só provocou un xiro copernicano na forma de entender o multilateralismo, senón tamén a perigosa negación de valiosos principios científicos e éticos que nos orientan sobre a forma de progresar e respectar o futuro: o cambio climático e a transición ecolóxica e xusta, o progreso compartido, o interese xeral e a igualdade.

Vigo é unha cidade de economía, e nela reside a nosa fortaleza. Non é capital administrativa de Galicia, nin sede da delegación do Goberno, nin capital de provincia, nin encabeza a Administración de Xustiza. Vigo creouse a si mesma e logrou converterse na primeira cidade de Galicia a pesar da marxinación histórica que sufrimos.

Esa inmensa forza da cidade emana da valentía e da solidariedade das viguesas e vigueses, da economía e do emprendemento. É a nosa forma de entender o mundo, porque cremos na convivencia, no interese xeral e na produción de mercadorías como unha forma de cooperación e de confianza con outros territorios.

Eventos como Conxemar ou Navalia, a actividade pesqueira que desenvolvemos en todos os mares do mundo, ou a produción de centos de miles de vehículos que serán desfrutados en todo o planeta, a construción naval, ou a Reconquista ou os concertos de Castrelos, definen esta cidade. E tamén os valores da solidariedade, do humanismo, das políticas sociais e da unidade. Somos a única cidade de Galicia cun Albergue Municipal e co Centro Cedro.

Somos conscientes de que fabricamos mercadorías para contribuír ao benestar da cidadanía e queremos seguir facéndoo. Por iso as infraestruturas e as formas de relacionarnos son valores tan importantes para Vigo.

Lamentablemente, a Vigo negáronlle dereitos que outras cidades si teñen, infraestruturas de comunicación e referencias institucionais. A realidade é que a mellora do transporte ferroviario e por estrada segue sendo unha demanda permanente debido a antigas decisións erradas que lastraron o avance da cidade, obrigándonos a un maior esforzo. Desde o Goberno de España e desde a Administración autonómica deixáronnos sen alta velocidade, e sen autovía e sen Área Metropolitana.

E aínda así, esta cidade lidera toda Galicia e é unha das principais urbes do territorio español e agora ocupa un lugar no mundo. Non imos renunciar ao Tren de Alta Velocidade Vigo-Madrid directo por Cerdedo, a nosa gran prioridade, negada por algúns, nin á nova autoestrada A-52 Vigo-Porriño en túnel. E facémolo desde o respecto ás persoas afectadas e mostrándolles o noso apoio.

Vigo goza dunha extraordinaria calidade de vida porque fomos capaces de lanzar e consolidar un proxecto de humanizacións porque fomos capaces de revolucionar a mobilidade a través de escaleiras e ramplas mecánicas e ascensores e porque creamos tantos espazos verdes. E de forma inminente co PXOM, aínda máis. E sobre todo haberá vivendas libres de especulación e con prezos asequibles. Cumpre reseñar que nos últimos 14 anos a administración responsable só edificou 62 vivendas con protección cando a demanda supera as 5.000.

A cultura ten enorme pegada na calidade de vida. Por iso construímos o gran Auditorio Mar de Vigo, avanzamos no proceso de modernización da Rede Municipal de Museos, apostamos polo talento local das nove bandas de música, das dúas orquestras sinfónicas e das corais. Tamén os murais. E todo isto sen axuda, sen apoio, co noso único esforzo.

O deporte é unha poderosa ferramenta para transversalizar a cidade e para facernos máis iguais. Seguimos construíndo o novo estadio de Balaídos, a pesar de que os que sempre están contra Vigo nos deixaron fóra do Mundial por razóns políticas. E dicímoslles que seguiremos reclamando transparencia no proceso de designación das sedes. E seguiremos defendendo Vigo ata as últimas consecuencias. E agradézolle ao Goberno de España o seu apoio.

O principio de igualdade é e seguirá sendo un eixo vertebrador das nosas políticas. No ámbito da educación significa que todos deben ter as mesmas oportunidades.

Cada ano viaxan ao Reino Unido e a Irlanda máis dun milleiro de mozas e mozos co programa Vigo en Inglés. Cando os despedimos no aeroporto aseméllanse a unha pequena Armada Invencible pacífica e alegre. É inexplicable que existan detractores desta iniciativa. E respondémoslles multiplicando o número de alumnado e facendo que Vigo continúe sendo a cidade con mellor nivel de inglés de España.

O cambio climático é unha das cuestións máis críticas ás que se enfronta o ser humano. Aos negacionistas e aos branqueadores do negacionismo, tamén lles respondemos coa construción dunha depuradora excepcional que permitiu que desfrutemos dunha ría libre de contaminación, á que sumamos unha nova potabilizadora, xa catalogada como unha das catro mellores plantas do mundo. E foi Vigo quen asumiu todos os custos. As únicas axudas proveñen do Goberno de España.

Nesta cidade sabemos de Medio Ambiente porque Vigo naceu da pesca, e dende O Berbés estendeuse como unha gran onda, ocupando o espazo, asentando a industria, a automoción, a construción naval... Emprendedores e traballadores foron artífices da modernidade que hoxe nos permite competir en todo o mundo. E tantos e tantos retos... pero temos como grandes aliados a tecnoloxía, a creatividade, o coñecemento, a Universidade e a UNED, que nós trouxemos a Vigo.

A fábrica Spark de microchips, xa en marcha, Stellantis e outros proxectos recibiron recursos europeos que, grazas ao Goberno de España, o noso gran aliado, están a chegar masivamente para seguir transformándoa.

Vigo, referente industrial e tecnolóxico e, dende hai pouco, potencia turística. O Nadal é un éxito incuestionable que crea miles de empregos e permitiu posicionar a Vigo no mundo. Aos políticos que se opoñen queremos dicirlles que a cidade os volverá castigar.

Porque algúns nos arrebataron a Caixa de Aforros, os que nos deixaron sen tren de Alta Velocidade, os que intentaron pechar o aeroporto, os que intentaron desposuírnos do Partido Xudicial, os que paralizaron a Declaración das Cíes como Patrimonio da Humanidade ou os que pararon a creación da Área Metropolitana. E agora quérennos deixar sen sede do Mundial 2030.

A nosa resposta aos ataques seguirá sendo: fronte á adversidade, determinación; fronte á confrontación, unidade; e fronte á inxustiza, reconquista. Porque coa Reconquista, o pobo de Vigo recuperou algo que perdera, algo tan prezado como a liberdade.

E esta noite celebramos esa fazaña a través das Medallas de Ouro da cidade e dos galardóns Viguesas e Vigueses Distinguidos que acabamos de entregar.

E connosco o pregoeiro Óscar Vladimir Vallejo Torres, fiscal xefe de Vigo, unha figura clave no noso sistema xudicial e con valores asentados en criterios de imparcialidade, legalidade e protección das persoas máis vulnerables. Unha traxectoria impecable e na defensa da xustiza. O noso recoñecemento e respecto.

Cooperativa de armadores de Vigo, pola súa contribución, nos últimos 60 anos, convertendo a Vigo no epicentro mundial da pesca. ARVI, forza da mar, Medalla da cidade.

La Fe Seguros, con 100 anos de historia, acompañou con dilixencia e proximidade a xeracións de viguesas e vigueses na memoria dos seres queridos, Medalla da cidade.

Escola de Educación Infantil Vila Laura e o CEIP Plurilingüe A Doblada. Cincuenta anos sendo exemplos de educación pública de calidade, integradora e aberta. Vigueses Distinguidos 2025.

A Asociación Alento. 25 anos prestando servizos especializados para mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral. Viguesa Distinguida 2025.

Enrique García Chillón, CEO de Profand. Tenacidade e compromiso para capitanear a nave de Profand, un referente no sector pesqueiro. Vigués Distinguido 2025.

Coral María Auxiliadora. Máis de 50 anos acompañando á cidadanía viguesa nas celebracións e concertos. Viguesa Distinguida 2025.

Consello Municipal da Muller. Unha iniciativa pioneira en España creada hai tres décadas, é un punto de encontro das asociacións e entidades que traballan pola igualdade. Viguesas Distinguidas 2025.

Antonio Mínguez Heredia. Xornalista e locutor, profesional en Radio Vigo e en Televigo. A súa voz inconfundible acompañou, a través das ondas, a tantas xentes da cidade. Vigués Distinguido 2025.

Membros do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios de Vigo e axentes do Corpo da Policía Local de Vigo, que, no nome da cidade, colaboraron nas tarefas de salvamento e limpeza nas zonas afectadas pola DANA en Valencia. Cargados de solidariedade dende Vigo para Valencia. Vigueses Distinguidos 2025.

Nais da Asociación Érguete. A súa loita contra o narcotráfico, iniciada hai 40 anos, segue viva. Marcaron un antes e un despois na historia da loita contra a droga. Viguesas Distinguidas 2025.

Antonio Segundo Durán Moreiras “Morris”. Recoñecido profesional do teatro, do cine e da televisión. Deixounos momentos inesquecibles. Vigués e alardea de selo. Agora Vigués Distinguido 2025.

Xesús Alonso Montero. Home sabio, comprometido cos valores do progresismo. Un dos intelectuais máis importantes da historia de Galicia. Unha figura imprescindible da cultura galega. Aquí naceu e aquí reside. Vigués Distinguido 2025.

Multicines Norte. Dende hai case catro décadas, espazo de cultura con cine de autor e independente. É a multisala máis antiga de Galicia. Vigués Distinguido 2025.

Iván Martínez Santiago. In memoriam. O seu legado no Banco de Alimentos sempre será lembrado na cidade. Realizou un labor extraordinario na axuda ás persoas máis vulnerables. Vigués Distinguido 2025.

Marta Patricia Souto González. In memoriam. Comprometida coa lingua galega e co deporte. Dende o Concello sempre traballou a prol da lingua galega. Viguesa Distinguida 2025.

Sergio Sanlés Domínguez. In memoriam. Bo e xeneroso, con vocación de servizo, o bombeiro Sergio Sanlés faleceu en acto de servizo. Honramos a súa memoria e expresamos o noso pesar pola súa ausencia. Vigués Distinguido 2025.

Coa Reconquista, o pobo de Vigo gañou a súa liberdade. 217 anos despois, somos máis fortes porque nos tempos presentes afianzamos a nosa identidade cunha forza inusitada e agora recoñecémonos no valor da nosa identidade. Porque, agora, temos o orgullo de ser de Vigo.

E encheremos de novo as rúas e as prazas, mesmo a nova Porta do Sol, para celebrar que a loita pola xustiza e a liberdade deu os seus froitos.

As catro letras que conforman o nome Vigo transmítennos proximidade, amizade, empatía e unidade. E agora coñecemos a nosa forza. Porque unidos en Vigo non hai nada que non poidamos conseguir.

Agora xa temos o noso lugar no mundo e en todas partes está Vigo. Puxemos a Vigo no mapa e xa ninguén nos sacará del. Temos orgullo porque somos Vigo.

Viva Vigo!

Viva Galicia!

Viva España!

Descargar todas as imaxes