Caballero reclama a comparecencia de Louzán e coñecer en detalle a valoración de cada candidatura
O alcalde avanzou que os servizos xurídicos do Concello xa están a estudar accións legais polo "escándalo" das sedes do Mundial 2030. Pide coñecer a valoración de cada candidatura en detalle “porque é intolerable que nos digan que temos problemas de financiamento”.

Abel Caballero reclama a comparecencia do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, para explicar “con luz e taquígrafos” o cambio do listado das sedes do Mundial 2030 e insiste en coñecer en detalle a valoración de cada unha das candidaturas. Caballero avanzou tamén que os servizos xurídicos do Concello están a estudar accións legais por este "escándalo". "Esixo transparencia”, insistíu.
O alcalde referiuse ás declaracións da directora das candidaturas nunha entrevista publicada por El Mundo da que conclúe que “é irrefutable que ratifica que houbo unha clasificación, a primeira onde estaba incluída Vigo, e unha segunda apenas 24 horas despois onde Balaídos quedou fóra”. Caballero engade que Louzán é coñecedor de todo isto: “Louzán está en todo e é o único que non fala, aínda que antes si que o facía”.
Deste xeito, o rexedor detallou as intervencións de meses atrás do actual presidente da Federación, vicepresidente na época da selección das candidaturas e que presidía tamén a Federación Galega, nas que escusaba que Vigo quedara sen ser sede do Mundial 2030. “Louzán dixo mentira tras mentira tras mentira. Nós estamos en condicións de financiar o estadio enteiro aínda que outras administracións non quixeran cooperar. Temos recursos para afrontar a reforma de Balaídos e os campos auxiliares e aínda así ter unha situación financeira moi cómoda. As nosas contas son públicas e están publicadas”, afirmou.
Con todo, o alcalde quere coñecer as actas da xuntanza onde Vigo quedou fóra das sedes seleccionadas. “Onde están as actas? Onde se fixo a xuntanza? Quen estaba presente?”, cuestionou. “É unha reunión central e capital para o Mundial 2030 e a cidade de Vigo polo que pido a acta asinada”, insistiu. Xunto a isto, reclama “toda a información do proceso de selección, desde o principio ata o final”. Para o rexedor, no informe presentado pola RFEF “investíganse a si mesmos” e solicita unha auditoría independente do proceso “tal e como dixeron que ían facer”.
Caballero considera “que non poder haber unha Federación de Fútbol, nun país como España, con este escurantismo nun tema tan importante como o Mundial 2030”. “Dana a marca España e xera sospeitas en todo o mundo”, afirma.
O que o alcalde ten claro é que “a información publicada polo diario El Mundo é certa e que Vigo era sede do Mundial 2030”.