A moi alta tensión eléctrica en Vigo será soterrada na zona habitada
Caballero avanzou que nas reunións mantidas con Red Eléctrica están a estudarse as alternativas para a instalación do transformador e que a rede será soterrada na cidade. “Son 72 millóns de investimento do Goberno de España para Vigo, a industria, os hospitais e o conxunto da cidade”.

As obras físicas da rede da moi alta tensión eléctrica poderán comezar no ano 2027. Así o avanzou Abel Caballero tras as últimas xuntanzas mantidas con Red Eléctrica, onde se está a estudar a situación do transformador e o trazado, que será soterrado na zona habitada da cidade.
Caballero amosou a súa satisfacción polo avance, “ao ritmo óptimo”, porque a moi alta tensión “é imprescindible para a modernidade e a robótica, cuestións sensibles aos cambios de tensión”, explicou. Con todo, o alcalde agradeceu o compromiso do Goberno do España, da anterior vicepresidenta e actual vicepresidenta da Comisión Europea, Teresa Ribera, e o traballo que se está a desenvolver cun investimento de 72 millóns de euros.