Escoitar

A XVI edición da "Run Run Vigo" consolida o circuíto de 12 probas

O alcalde destacou hoxe, na presentación da XVI edición das carreiras populares “Run Run Vigo 2025” que o crecente arraigamento do programa municipal de atletismo constatouse o ano pasado ao bater o récord do número de probas. “As doce probas anuais fan que Run Run Vigo sexa un dos eventos de atletismo globais dun ano máis importantes dos que se fan en toda España”, afirmou o rexedor ao invitar a cidadanía a participar.

xoves, 16 xan 2025

Abel Caballero apuntou que as doces probas se desenvolverán este ano ao longo de nove meses en diferentes espazos da cidade, sumando unha extensión total de 152 quilómetros.

O alcalde lembrou que a carreira da Subida ao Castro, programada para o 26 de xaneiro, marcará o arranque do programa de competicións. A partir de aí, o 16 de febreiro terá lugar a proba “Calvario 5+5”; para o 9 de marzo está prevista a “10K de Teis” e o 6 de abril a Vig-Bay. As carreiras da Cereixa e Praia de Samil celebraranse en maio. En xuño desenvolverase a carreira nocturna de San Xoán; seguida o 16 de outubro da “Vigo contra o Cancro”, e “Érguete e Corre” o 30 de novembro. As competicións “Correndo por Vigo” e “Vigo+11” están pendentes de fixar no calendario.

As carreiras contan con cinco categorías femininas e masculinas por tramos de idade. “Isto é unha cultura da cidade. Quero animar a todo o mundo a participar e a que fagamos estes eventos deportivos porque significan vida saudable”, afirmou o rexedor.

Gala de atletismo

Caballero explicou que na “Gala do Atletismo”, que se celebrará este mes de xaneiro no Auditorio Municipal, entregaranse os premios do circuíto “Run Run” e os recoñecementos aos oito vencedores das series municipais e aos nenos que gañaron as seis carreiras de cross escolar.

En 2024, máis de 15.000 persoas participaron nas 12 carreiras de running.

Descargar todas as imaxes